O BNG pide responsabilidades á Xunta polos danos no petróglifo de Campo Lameiro
Ana Pontón denuncia a desprotección da Xunta sobre este importante patrimonio arqueolóxico en Galiza e pide rescatar a adxudicación da xestión do parque, na actualidade, en mans dunha empresa privada vinculada ao Partido popular.
A deputada, cualifica de feito grave a privatización do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre adxudicado a dedo pola Xunta a familiares vinculados co Partido popular e denuncia os danos causados no petróglifo polo incumprimento do protocolo de limpeza.
Pontón, a través dunha iniciativa parlamentaria pregunta en que momento tivo coñecemento a Xunta dos danos e que valoración lle merecen a tenor das ultimas declaracións de responsábeis da consellería de Cultura que negan a súa gravidade alegando que os labores de limpeza non afectaron gravemente o deseño de espiral prehistórica gravada na rocha.
A nacionalista reclama que a Xunta cumpra a Lei de protección e conservación do patrimonio cultural galego, rescate a concesión privada do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro e depure responsabilidades.