O BNG pide poñer en marcha o Consello de informativos da CRTVG
Montse Prado reclamaba da dirección da CRTVG aprobar e aplicar o Estatuto profesional dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza , no prazo de tres meses, e crear o Consello de informativos
A deputada defendeu hoxe unha Proposición non de lei ao fin de poñer en marcha, no prazo de tres meses, o Estatuto profesional dos medios públicos de comunicación audivisual de Galiza e crear o Consello de informativos.
Na defensa da proposta nacionalista, a deputada asegurou que os medios de comunicación de titularidade pública deben garantir á cidadanía o seu dereito á información obxectiva, veraz e imparcial exercicio dixo, que na actualidade a Televisión e Radio galegas non cumpren.
Traballador@s da RTVG denuncian manipulación e presións do Partido popular na elaboración da información
Neste sentido lembrou que no mes de xuño os comités de empresa da TVG e RG fixeron entrega de 345 sinaturas de traballador@s dirixidas ao Director Xeral da CRTVG, directoras da TVG e RG , Consello de Administración da CRTVG e grupos parlamentarios, escrito no que o colectivo de traballador@s denuncian a manipulación informativa e a demanda da creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos.
Na defensa da proposta, Prado parafraseando ao grupo musical Siniestro total e a súa canción matando hippies nas Cíes afirmou que o Partido popular tenta converter a televisión e radio públicas nun sinistro total e matar ou eliminar a presenza do discrepante nos medios públicos.
A deputada aludiu ao grupo musical galego tras un comentario procaz do portavoz do Partido popular, Agustín Bahamonde dedicado a un deputado da oposición.
Canal Nou e a censura do Partido popular
A nacionalista tamén aludiu a manipulación de Canal Nou onde os informadores/as tiñan prohibido nomear termos como botella ou xamais, o de botella, dixo, non sei por que será pero xamais lembraba ao Nunca Máis que hoxe levo na camiseta e recalcou que o BNG seguirá defendendo a existencia dos medios de titularidade pública aínda que o Partido popular nolo poña moi díficil porque a democracia e Galiza necesita deses medios.
Hoxe traemos esta petición, dixo, porque os traballadores/as non toleraran a manipulación informativa e atrévense a poñer o seu nome nun escrito reivindicando un cambio.
Defendemos unha radio e televisión pública que faga de Galiza o seu centro de comunicación e que non secundarice a información e a realidade galega.
A deputada denunciou que na actualidade a RTVG non cumpren coa función que lle foi encomendada polo que reiterou a creación dun Consello de informativos como reclama o 60% da plantilla da radio e televisión galega.
O Partido popular anunciou o seu voto desfavorábel á iniciativa nacionalista.