O BNG pide que non cese a investigación de cultivos mariños no Instituto español de Oceanografía
O deputado do BNG, Francisco Jorquera criticou que tras 40 anos de investigación cese a actividade investigadora do centro pola xubilación dos dous investigadores que o lideraban
O deputado do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Pesca sobre o futuro da actividade investigadora de cultivos mariños do Centro do Instituto español de Oceanografía da Coruña ante a xubilación dos dous investigadores que a lideraban.
Para o deputado, a situación xerada no departamento de cultivos do centro do IEO responde á desastrosa realidade da investigación en Galiza e o desleixo total do Goberno central e da Xunta de Galiza, nesta materia.
Jorquera lembrou que durante corenta anos o IEO da Coruña realizou traballos de estudo da bioloxía do cultivo de diferentes especies de moluscos con intereses comercial como a ameixa, o mexillón, a vieira, a voandeira e zamburiña representando o único organismo estatal con capacidade para asesorar neste ámbito.
Por outra parte, salientou o deterioro das instalacións que impide manter os tanques dentro do edificio polo que foi necesario realizar o traballo en ría grazas á colaboración das confrarías de Lorbé, Aldán ou Cangas. Traballos, remarcou, que acadaron importantes resultados, tanto no eido científico como comercial.
Para o nacionalista, resulta imprescindíbel manter a liña de investigación sobre todo tendo en conta a importancia que ten en Galiza a actividade económica vencellada aos cultivos mariños.
Pola súa parte, o responsábel do Axencia Galega de Innovación,Miguel Antonio Varela Rey respondeu que os traballos de investigación do Centro da Coruña son asumidos polo Centro Oceanográfico de Vigo e non é competencia galega decidir o mantemento do centro coruñés.
O Goberno do Estado desentendese e a Xunta tamén
Tras a resposta do Goberno, Jorquera preguntou se no no caso de que dous dos máximos investigadores sobre o cancro tiveran que xubilarse cesaría a investigación como está acontecer no IEO. A resposta do Goberno central, afirmou, foi un cachondeo e agora vostedes seguen na mesma liña ao non considerar estratéxica esta investigación. Asemade retrucou que se o IEO da Coruña é competencia do Estado, a Xunta non pode permanecer de espectadora e argumentou que o IEO de Vigo traballa no eido dos moluscos, non especificamente no dos pectínidos, vieiras, voandeiras e zamburiñas.
Jorquera anunciou que ante a resposta burocrática do Goberno, o BNG seguirá presentando preguntas sobre o futuro do Instituto español de Oceanografía que depende do Estado pero está radicado en Galiza e que desenvolvía unha actividade investigadora cun importante retorno económico para o noso país.