O BNG pide no Parlamento abrir todas as camas hospitalarias pechadas
Montse Prado reclamaba demais un informe sobre a situación real das listas de espera e derivacións á sanidade privada
Pleno.- A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha moción para abrir todas as camas hospitalarias pechadas porque pasado o verán con xustificacións de mal pagador, afirmou, o peche só ten unha razón, beneficiar á sanidade privada polo que pediu unha rectificación ao Partido popular e transparencia nos datos.
Para a deputada existe, por unha parte unha sanidade pública que padecen todos os galegos e galegas e a propaganda do Partido popular que tenta convencernos dunha realidade virtual que pouco ten a ver coa que vivimos todos os días.
As políticas do PP non son abstractas, afectan a persoas
As consecuencias das políticas do PP, non son abstractas afectan a persoas con nomes e apelidos como a doente que acudiu ao CHUAC morrendo horas máis tarde no hospital. A muller, de 72 anos ingresou o pasado 12 de Outubro para ser atendida no servizo de urxencias permanecendo 72 horas nunha cadeira, situación, dixo a deputada, que foi denunciada polos familiares ante a situación caótica do servizo. O médico que atendeu á muller considerou que debía ser trasladada á planta para ser atendida pero foi trasladada a unha unidade de reingreso na que permaneceu ata o xoves, catro días de espera dunha enferma de cancro . Mentres isto acontecía, relatou a deputada, permanecían pechadas as camas da cuarta planta, peches de camas que tamén se rexistran en diversos hospitais galegos.
A parlamentaria recriminou ao PP a súa intención de votar en contra da iniciativa nacionalista que ao seu entender, só responde a favorecer á perda de camas no sistema sanitario público galego mentres na sanidade privada aumentan , igual que o volume de negocio. Os servizos privados, engadiu, levan o 50% do orzamento da consellería de Sanidade e o PP, reprobou, non quere mudar esta situación.
O BNG pide activar a contratación de persoal na Sanidade pública galega
Por outra parte, a nacionalista tamén reclamou unha contratación de persoal decente e preguntou porque o Partido popular vota en contra de elaborar un informe da realidade das lista de espera e as derivacións da sanidade pública á privada, se non teñen nada que ocultar, inquiriu, voten a favor do informe.
A parlamentaria lamentou que o portavoz do PP, Aurelio Centeno anunciara o voto en contra e replicou que si o PP está tan convencido de que non se producen reingresos debería dar o seu voto afirmativo a elaboración do informe reclamado polo BNG, ou teñen medo de que se coñeza a realidade, remarcou.
Lonxe de apostar pola Sanidade pública galega, o PP segue apoiando a sanidade privada derivando enfermos ao sistema privado e mesmo ameazándoos de retiralos das listas de espera, no caso de negarse a ir á Sanidade privada, concluíu.