O BNG pide manter as carpinterías de ribeira de Moaña ante o proxecto que prevé o seu derrube
Daniel Rodas pronunciouse en contra do actual proxecto de Paseo da Seara que contempla o derrube dunha importante parte das carpinterías e reclamou "diálogo" entre concello e veciños con novas propostas para manter e poñer en valor estas infraestururas
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe, na Comisión de Pesca, unha Proposición non de lei instando á Xunta a poñer en marcha as medidas oportunas para preservar e por en valor as carpinterías de ribeira do Paseo da Seara en Moaña, ameazadas de derrube por un proxecto en fase de licitación.
Na súa intervención, o parlamentario explicou que o proxecto, por importe de 420.000 euros contempla derrubar unha importante parte dunhas das dúas carpinterías de ribeira que cega a saída das embarcacións para poder acceder aos estaleiros que na actualidade utiliza a Asociación de Recuperación de Embarcacións Tradicionais, Sueste.
Sobre a Asociación Sueste, salientou que utiliza o estaleiro de Carlagho dende o ano 2002 e de Casqueiro dende 2009, ano no que foi asinado un convenio de usos cos actuais concesionarios para mantemento das embarcación, novas construcións, campamentos xuvenís, atención a grupos escolares e adultos, exposicións...
Daniel Rodas lembrou que o BNG xa propuxo, no seu momento, un proxecto para recuperar os 310 metros do litoral que non prosperou ao esixir Costas do Estado 6 metros completos de servidume e ningún tramo pilotado.
Tras a intervención do deputado do PP, Gonzalo Tenor que destacou o o estado deficiente das carpinterías, o nacionalista negou esa circunstancia asegurando que os propios colectivos que as xestionan son os que mellor poden valorar que as cousas se fagan de maneira racional ou a súas costas, é o mínimo dixo, sería contar con eles ao ser os máis interesados en seguir mantendo a súa actividade dende o ano 2002 e darlle maior valor.
As persoas vinculadas ás carpinterías, abondou, seguen agardando que o Alcalde de Moaña os reciba para coñecer de primeira man un proxecto que modificará un patrimonio avalado polos diferentes colectivos de Moaña e pola Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial formada por 47 asociacións. Estes colectivos, insistiu Rodas, demandan á preservacións das carpinterías de ribeira, testemuñas dunha parte da historia económica e cultural do litoral galego e do pobo de Moaña.
O deputado acusou ao Partido popular de utilizar o proxecto de maneira electoralista utilizando fondos de Portos e da Axencia de Infraestruturas para levar a cabo unha infraestrutura demandada polos veciños pero non, recalcou de calquera maneira e a calquera prezo e sen tronzar unha das poucas carpinterías de ribeira que quedan na ría de Vigo. Nós propoñemos diálogo e poñer en valor o noso patrimonio, concluíu.