O BNG pide que máis pesca para a flota galega e menos despeces de embarcacións
O deputado do BNG, Daniel Rodas pediu un cambio de modelo para que a flota galega teña máis capacidade para pescar e non se vexa abocada a elexir como unica saída o despezamento das embarcacións
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na Comisión de pesca celebrada no Parlamento galego, unha Proposición non de lei instando á Xunta a modificar a actual política de investimento dos fondos europeos para impedir seguir destinando estes fondos o despezamento de embarcacións e implantar medidas de axuda e regulación da actividade pesqueira.
Na súa intervención, Rodas aludiu a unha información aparecida recentemente nun medio de comunicación que puña de relevo a actual situación da flota de pesca galega destacando que o sector contempla como única vía o despezamento para solucionar a redución de cotas, os baixos prezos, a presión inspectora e a redución de seguridade.
Na información, dixo, a zona máis afectada polo despezamento de embarcacións é A Mariña polo que trasladou á comisión de pesca o malestar dos armadores e tecido produtivo que unha ducia de embarcacións, de altura e litoral, preparen xa os papeis para acollerse a paralización definitiva.
O BNG reclama un cambio de modelo para que a flota galega teña máis capaciadade para pescar
Ter que abandonar a actividade, renunciar a súa empresa, xerar riqueza, e non poder manter os postos de traballo, non contribúe a que pobos como Burela progrese e todo por decisións adoptadas lonxe de Galiza.
Asemade, dixo, este afogamento tamén chega ás embarcacións de artes menores, onde se anuncia a renuncia de tres embarcacións.Todas son da Mariña: oito pertencen ao porto de Burela, dous con porto base en Celeiro, un Ribadeo e o outro o porto de San Cibrao.
Isto supón o desmantelamento dunha parte importante da flota na comarca da Mariña pero evidencia o modelo pesqueiro deseñado por Bruxelas e aplicado con obediencia por parte do Estado español e da Xunta de Galiza para o cal levan investidos unha inxente cantidade de fondos europeos coa finalidade de ir pouco a pouco reducindo as nosas unidades pesqueiras a pesares de que en determinadas zonas como a Mariña esta actividade é fundamental para a economía local, afirmou.
Máis pesca e menos despedazamentos de embarcacións
Rodas manifestou o seu rexeitamento as medidas coercitivas para despezar a flota máis numerosa de toda a UE, con 4.738 embarcacións, é a máis sostible do Estado, polo que reclamou un modelo de actividade con maior emprego e con dereitos de pesca máis repartidos.
Para o deputado,O PP aplica un modelo de poucas embarcacións de gran tamaño que concentran os dereitos de pesca nuns poucos
Un modelo contrario ao de Galiza con un elevado número de embarcacións de pequeno tamaño que permiten a supervivencia de moita xente. Cremos, engadiu que é necesario cambiar o modelo e modificar os criterios de reparto de cotas.
Finalmente, o nacionalista denunciou que nos últimos 6 anos do Goberno do Partido popular presentáronse máis de 700 solicitudes para despezamento autorizando 171 cun investimento de 90 millóns.
Que sería Vigo sen a pesca ou Cangas, ou Cambado, Ribeira, Muros, Camariñas, Malpica, A Coruña, Sada, Celeiro, Burela sen a actividade pesqueira. Vostedes no canto de defendela, danlle as costas e e contribúen a tomar medidas para que a nosa xente deixe de traballar e teña que desguazar, concluíu.
A Proposición non de lei defendida polo deputado do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.