O BNG pide integrar os Centros públicos de Ensinanzas Artísticas no Sistema Universitario
O portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo reclamou o Título Superior en Grao Universitario no curso 2015-2016 e iniciar os trámites para adscribir ao Sistema Universitario Galego Público os centros públicos de Ensinanzas Artísticas
O parlamentario do BNG, Cosme Pombo defendeu hoxe unha Proposición non de lei destinada a integrar os centros públicos de Ensinanzas artísticas ao Sistema Universitario galego e converter os estudos en Título Superior de Grao Universitario con recoñecemento no espazo europeo.
O parlamentario considerou que as escolas artísticas deben consolidarse en Galiza e cualificou de discriminación a aqueles que estudan nas escolas superiores públicas fronte ao que estudan pagando os graos na privada. o BNG entende,dixo, que a adscrición das ensinanzas artísticas superiores nos centros públicos galegos á Universidade pública é un bo camiño e unha medida necesaria que beneficia ao alumnado galego.
O deputado lembrou que existen escolas galegas recoñecidas a nivel mundial pero os estudantes destas escolas adquiren uns títulos devaluados. Esta é unha das razóns, dixo, pola que consideramos que a Xunta de Galiza debera estar interesada en manter e consolidar as titulacións das ensinanzas artísticas superiores de Galiza traballando a prol da adscrición destas ao Sistema Universitario galego de cara a poder ofertar unhas titulacións equivalentes ao grao universitario.
A iniciativa do BNG contou co apoio dos grupos do PSOE,AGE e Mixto. Pola súa parte, o Partido popular argumentou que as ensinanzas funcionan perfectamente nos oito centros galegos e a titulación é equivalente ao de grao e sobre as adscricións dos centros ao Sistema Universitario galego, o portavoz popular Hipólito Fariñas afirmou que son as Universidades as que deben decidir esta cuestión.
Na réplica o deputado do BNG explicou que se un estudante galego quere acceder ao Museo do Prado coa actual titulación comprobará que será elixido un estudante suízo ou alemán, polo tanto, dixo, a titulación non é a mesma. Cosme Pombo volveu a reivindicar o proceso de adscrición dos conservatorios e escolas artísticas á Universidade iniciando un proceso no que participen todos os axentes, escolas, consellería de Educación e Universidades, concluíu.