O BNG pide impulsar o Banco de Terras para mobilizar superficie agraria
A deputada do BNG, Tereixa Paz tamén reclamou impulsar unha lei de ordenacións de usos da terra e de cultivos para preservar a superficie agrícola e forestal doutros usos especulativos
A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe na Comisión de Agricultura, unha proposición non de lei destinada a dotar de medios humanos e materiais o banco de terras co obxectivo de lograr mobilizar 10.000 Ha de superficie agrícola durante o próximo exercicio e impulsar unha lei de ordenación de usos da terra e de cultivos para preservar a superficie de aptitude agrícola e forestal doutros usos especulativos.
Tras a intervención da portavoz popular, Isabel García Pacín que anunciou o voto desfavorable á iniciativa nacionalista, a nacionalista lamentou que unha vez máis, o Partido popular sega enrocado nunha política agraria errática e non escoite as voces que reclaman poñer en valor a capacidade produtiva agraria e a viabilidade das explotacións existentes con falta de base territorial para desenvolver a súa actividade.
Tereixa Paz recalcou que o discurso do Partido popular e moi cansino por acusar sistematicamente á oposición de todo tipo de desgrazas para este país. A deputada criticou que Pacín afirmara que a situación da terra en Galiza forma parte da nosa idiosincrasia e debe ser, ironizou, porque os galegos e as galegas somos parvos e déusenos por partir as terras en cachos e non porque fora un modelo agrario intelixente hai cen anos. Hoxe,explicou, as necesidades agrarias son diferentes e naquel momento era necesario ese modelo pero agora o sistema produtivo é outro e a obriga do Goberno debe incidir sobre esa realidade para adaptar as necesidades materiais á realidade económica.
A deputada tamén criticou que a portavoz do PP se referira ao banco de terras nacionalista, o que non fan vostedes, dixo, é malo porque o fixo outro goberno e non se ruborizan en terxiversar os datos.
Tereixa Paz reiterou que é necesario buscar a utilidade da terra e impulsar a súa produtividade pero o PP segue desprezando as reclamacións d@s labreg@s, das Asociacións agrarias, profesionais, técnicos e técnicas e profesor@s de todas as ideoloxías.