O BNG pide que o Goberno rexeite o anteproxecto das Mutuas da Seguridade Social
Montse Prado alertou das consecuencias de restar competencias aos facultativos para trasladarllas ás Mutuas outorgándolle competencias sanitarias que prexudican gravemente á clase traballadora
A deputada do BNG, Montse Prado alertou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, das graves consecuencias que provocará a aprobación da nova lei de Mutuas da Seguridade Social.
A parlamentaria reclamou ao Goberno galego rexeitar o anteproxecto porque aumenta a capacidade das mutuas nas enfermidades comúns e explicou que a nova lei favorecerá o negocio e beneficio, a costa da saúde da clase traballadora.
A deputada non aceptou a emenda presentada polo portavoz popular Miguel Santalices, por considerar que non modifica un anteproxecto de lei que favorece o traslado das historias clínicas dos pacientes a empresas privadas e resta competencias aos facultativos e Inspección do SERGAS.
O Goberno galego, Parlamento e Partido popular, dixo, deberían votar a favor da iniciativa que hoxe defende o BNG para derrogar un anteproxecto que a todas luces, prexudica gravemente á clase traballadora.
O Goberno galego, submiso coas decisións do Goberno de Mariano Rajoy
O Goberno galego, remarcou, debe deixar de ser correa de transmisión do que decide o Goberno en Madrid e Núñez Fejóo non debe permitir que Galiza perda dereitos recoñecidos en inspección e colexios médicos, sentenciou.
A deputada acusou ao Partido popular de non ter feito nada a respecto do anteproxecto de lei das Mutuas agás, obedecer docilmente as decisións do Goberno de Mariano Rajoy, ao que acusou de cometer unha grave inxerencia con Galiza.
Montse Prado lamentou que o Partido popular non votara a favor da iniciativa nacionalista destinada a poñer freo á intención do Goberno para incorporar novas competencias ás Mutuas que conducen a privatización da asistencia sanitaria d@s traballador@s e reforza as reclamacións da patronal contra o exercicio dos médicos/as de familia e Inspección do SERGAS.
A Proposición non de lei do BNG contou co apoio do resto dos grupos parlamentarios pero finalmente non prosperou por mor do voto negativo, maioritario, do Partido popular