O BNG pide garantir o ensino domiciliario a nen@s con efermidades de longa duración
O deputado nacionalista, Cosme Pombo reclamou o cumprimento do protocolo e se dote de profesorado e medios ao alumnado que non pode acudir aos centros de ensino por padecer enfermidades de longa duración.
O parlamentario do BNG, Cosme Pombo lembrou que hai dous meses saltaba a noticia dun alumno con leucemia que cursa sexto de primaria cuxa nai reclamaba o dereito á atención educativa na casa por non poder acudir ao centro por un período prolongado de tempo. O parlamentario pediu un compromiso ao conselleiro de Educación para garantir a atención educativa e de calidade no domicilio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez afirmou que na actualidade existen entre trinta ou corenta nenos que non poden acudir aos centros de ensino e a Xunta aporta o apoio educativo a través do decreto a diversidade 2011 que regula a educación domiciliaria. O pasado venres, afirmou, púxose en marcha un novo protocolo para dar unha resposta áxil a este tipo de casos garantindo os medios, tanto no domicilio como no hospital con medios tecnolóxicos e reforzando a coordinación entre sanidade e educación.
Unha cousa é o papel e outra ben distinta a realidade
Na réplica, o nacionalista manifestou que unha cousa é o papel e outra ben diferente a realidade e resulta que a nai de Adrián, Nieves Villar, só lle ofreceron tres horas. A base de protestar, recalcou Cosme Pombo, ofertáronlle seis horas a semana. A xuízo do parlamentario, docente de profesión, o tempo ofertado resulta insuficiente para garantir a continuidade da formación.
Nieves quere que o seu fillo, que recuperou a súa vida poida recupera o proceso formativo no seu domicilio e dispoñer dos recursos que están no papel para que o cancro non sexa quen de discriminalo dos seus compañeiros e que o vindeiro ano poida incorporarse ao Instituto, a pesares de ter que seguir loitando seis meses máis contra o cancro.
O deputado pediu ao conselleiro de Educación unha reunión coa nai de Adrián, presente no debate na tribuna de convidados, petición que non obtivo resposta por parte de Román Rodríguez.