BNG pide explicacións a Fomento polo retraso dos trens Alvia
Jorquera e Davila poñen de manifesto que o novo tren Alvia que se inaugurou a mediados do mes de xuño e que realiza o traxecto entre Madrid e Galiza, non está a acadar os obxectivos de tempo anunciados. Supoñíase que debían recurtar os tempos de viaxe entre ambas cidades en 50 minutos. Máis non só non se reduciron os tempos senón que incluso estes trens chegaron tarde durante varias xornadas.
Retrasos de máis de media hora
Subliñan que en nove días ningún dos 18 trens que operaron durante estes días de posta en funcionamento do novo Alvia chegaron a tempo, nen á estación ferroviaria de Vigo nen á de Chamartín.
Así, salientan que os trens Alvia circularon cun retraso medio de media hora ou máis porque incluso houbo un Alvia que chegou a Vigo cunha hora e 23 minutos de retraso, e o que ía á Coruña acumulou dúas horas de demora.
Davila e Jorquera sinalan que ditos retrasos conlevan tamén perdas económicas para Renfe posto que ten que indemnizar aos usuarios.
Os parlamentares do BNG dirixen ao Goberno varias preguntas para coñecer as razóns destes continuos retrasos, para saber por que motivo non se diminuiron os tempos de viaxe e se chegou incluso a superar en ocasións os tempos de viaxe dos anteriores Talgo, e saber por que razón o Ministerio non se asegurou deste tema antes de anunciar a bombo e platillo a reducción dos tempos de viaxe en 50 minutos.
Por último, queren saber cando se vai normalizar esta situación.