O BNG pide eliminar a norma que obriga ás mariscadoras a vixiar aos furtivos para renovar o Permex

A nacionalista, Montse Prado reclamou “derrogar os artigos” que obrigan ás mariscadoras a pé a realizar servizos que poñen en perigo a súa integridade física e dos que está exento o marisqueo a flote

A deputada do BNG defendeu, no Parlamento galego, unha proposición non de lei para “derrogar os artigos que establecen como requisito obrigatorio, para  renovar o Permiso de Explotación (PERMEX), realizar labores de “control, protección e vixiancia dos bancos marisqueiros”.

 O PP votou en contra da iniciativa nacionalista

Na defensa da proposición non de lei, a parlamentaria do BNG afirmou que con esta normativa, a Consellaría establece unha “clara e aberta marxinación” das mariscadoras a pé e fai “deixación” das súas competencias exclusivas en materia de vixilancia.

Prado salientou que o requisito obrigatorio para renovar o Permex afecta a varios miles de persoas dedicadas ao marisqueo , das que máis do 90% son mulleres que se enfrontarán a situacións de “persecución, retención, identificación d@as furtivos, retirada do marisco extraído e actuacións para as que as mariscadoras non están autorizadas nin contan coa preparación e cualificación necesaria”.

Estas funcións, entrañan grande perigosidade, pero esta, é unha cuestión, dixo, que “non parece preocupar a Consellería de Pesca”.

A deputada tamén criticou o criterio economicista da consellería de Pesca que elixe implantar unha medida que lle resulta máis “barata” aínda que en contrapartida ás mariscadoras deban “realizar un labor que pode mesmo conlevar risco para a súa integridade física”.

Unha medida, engadiu que é “discriminatoria, supón un abuso, un castigo e unha penalización para as mariscadoras”. Un castigo que as obriga a permanecer na praia máis horas facendo unha actividade para a que non están preparadas nin autorizadas.

Unha actividade feminizada e castigada

A deputada nacionalista resaltou que o marisqueo é unha actividade feminizada á que agora se lle esixe tamén dar solución a un problema que é competencia por lei da propia consellería.Neste sentido, engadiu que estamos ante outra “discriminación de xénero” dun colectivo que agora deberán cargar, a maiores, cunha responsabilidade que non lle compete.

Baixo a “coacción” de cumprir o requisito de labores de vixilancia para renovar o PERMEX, este colectivo resulta unha vez máis “castigado” pola Consellería de Pesca.

A parlamentaria nacionalista lamentou o voto en contra do Partido popular e afirmou que esta medida incidirá moi negativamente na situación actual das mariscadoras que perciben un salario por debaixo do “60 por centro do salario mínimo interprofesional”.

Oposición das mariscadoras aos labores de vixiancia

Conflitos como o que se está a vivir a Agrupación de Mariscadoras de Cabo de Cruz son consecuencia directa desta obrigatoriedade, mariscadoras que defenden a súa profesionalidade para extraer marisco, para efectuar limpezas, sementar... para mellorar a calidade e cantidade da produción pero non para ser vixiantes e loitar contra o furtivismo. Vixiancias ás que se opoñen xa que non foron aprobadas pola Asemblea Xeral da Agrupación de Mariscadoras de Cabo de Cruz, requisito necesario para incluírse no Plan de Explotación, concluíu.