O BNG pide a Educación que retire o novo decreto de comedores
Cosme Pombo respondeu ao Secretario xeral, Xesús Oitaven que a medida do PP penaliza ás familias con rendas baixas e supón o repago do servizo
O portavoz de educación do BNG defendeu hoxe, tras a comparecencia do Secretario xeral, Xesús Oitavén un ensino obrigatorio público e gratuíto e rexeitou o recorte no servizo de comedores.
Pombo lembrou que o Partido popular leva reducido miles de postos de traballo e unidades escolares, os números son os que son, sentenciou e aí están as reducións de profesores, bolsas para libros, axudas á normalización lingüística...
O parlamentario do BNG, respondeu ao Secretario xeral que unha gran parte do alumnado que non pagaba o servizo do comedor, agora deberá abonalo e cómo mínimo, dixo, serán 20.000 familias.
Para o nacionalista, a medida do Partido popular supón un aumento do 40 por cento do prezo público para o comedor polo que pediu a retirada dun Decreto dos máis contestados socialmente polas graves consecuencias que provoca nas familias con ingresos cada vez máis minguados por mor da crise económica.
Pagará o mesmo a familia que ingrese 9.000 euros ou 90.000 ao ano
Asemade denuncio o paripé do Goberno con todos os representantes sindicais que se viron obrigados a abandonar a Mesa sectorial. O propio Consello Escolar, dixo, cualificou a medida de vulneración do dereito á educación, a Mesa galega pola Educación Rural posicionouse en contra e CONFAPA rexeitou o repago dos comedores asegurando que o Decreto do PP é insolidario e non reequilibrador.
O BNG, afirmou, considera inxusto que teñan que pagar familias con ingresos situados no limiar da pobreza entre as que sitúo ás que perciben 7.000 euros ao ano, e os que ingresen 9.000 pagarán o mesmo que os que cobran 90.000. A medida, polo tanto, afirmou non garante a atención aos máis necesitados do rural nin das cidades.
O deputado do BNG negou as afirmacións do portavoz popular, Román Rodríguez que asegurou que a decisión do Partido popular non prexudicará nin ao alumnado nin as familias.
O nacionalista volveu pedir a retirada do Decreto que obriga ao pago do servizo de comedor escolar, redactar outro decreto que garanta o uso gratuíto para o alumnado transportado e para as familias cunha renda baixa, dotar os comedores de persoal especializado e a instalación de espazos para comedor na construción dos novos centros públicos, concluíu.