O BNG pide que continúen os proxectos de investigación no Centro Agrario de Mabegondo
Tereixa Paz formula unha pregunta urxente á consellería de Medio Rural ante as políticas de recorte que provocarán a paralización do labor de investigación agraria nos centros dependentes da Xunta
Pleno-. A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz formulou unha pregunta parlamentaria, polo trámite de urxencia, sobre a continuidade dos traballos de investigación no centro de investigacións do Centro de Investigacións Agrarias do centro de Mabegondo, ameazados polas políticas de recortes da Xunta.
Paz afirmou que os traballos de investigación agraria nos centros dependentes da Administración pública corren perigo polos recortes e unha pésima xestión dos responsables da Consellería de Medio Rural.
A deputada asegurou que estes centros, e en concreto o CIAM, son únicos en Galiza e no Estado para o desenvolvemento de proxectos de investigación e experimentación na produción do vacún, tanto en leite como en carne.
Os proxectos, engadiu, están destinados a desenvolver sistemas produtivos competitivos e sostible dende o punto de vista social, económico e medioambiental.
Pola súa parte, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana afirmou que os proxectos se desenvolverían con normalidade ao que a deputada nacionalista respondeu que nunca antes foran excluídos proxectos no ámbito na investigación agroalimentaria porque a investigación do CIAM conxuga o financiamento público co privado como quedou de manifesto o pasado ano con vinte proxectos en colaboración con empresas privadas de transferencia tecnolóxica pero non grazas a Xunta de Galiza.
Os xestores, engadiu, no canto de buscar cofinanciamento e colaboración para os proxectos en Mabegondo, convertéronse nun lastre como demostra a xestión do subdirector do centro que nin traballa nin deixa traballar.
Paz gabou o traballo dos investigadores, tecnólogos e doutores que ademais do seu labor de investigación víronse obrigados a exercer de auténticos comerciais para que en Mabegondo se poida seguir investigando.
A deputada do BNG preguntou á conselleira se prevía reunirse cos traballadores do centro co fin de coñecer a súa realidade tendo en conta, criticou, que só coñece os datos que lle transmite o subdirector.
En resposta ás preguntas da nacionalista, a conselleira de Medio Rural comprometeuse a recibir aos traballadores do CIAM.