O BNG pide unha Comisión de Investigación en "Alimentos Lácteos" que o PP rexeita
Tereixa Paz reclamou depurar responsabilidades políticas pola xestión de Alimentos Lácteos e a súa relación co uso de fondos públicos
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz lamentou hoxe o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista para reclamar a depuración de responsabilidades políticas na xestión de Alimentos Lácteos e a súa relación co uso de fondos públicos.
Tras a intervención da portavoz popular Isabel García Pacín que acusou ao BNG de manipular a realidade e posicionarse sempre en contra do proxecto de Alimentos Lácteos, a deputada asegurou que hai unha sentenza xudicial firme que recoñece a insolvencia da empresa dende o ano 2011 e a indefensión dos produtores ante a creba da empresa así como os recursos públicos destinados ao longo destes anos, fai imprescindíbel, dixo, que se depuren responsabilidades.
Decisións políticas que impediron crear o Grupo Lácteo Galego
Para a deputada, o proxecto foi deseñado dende a Xunta de Galiza co Sr. Romay Becaría polo medio. A día de hoxe, engadiu, non sabemos que facía o dirixente popular terzando co Sr.Pascual para impedir que prosperara a fábrica co outro proxecto presentado.
Ademais negou as afirmación de García Pacín relativas á responsabilidade dos asociados das cooperativas nas decisións da empresa. Reto a calquera deputado ou deputada a que visite A Pastoriza e fale cos ex-cooperativistas, e no suposto de que foran certo as súas acusacións, cál é o problema para que veñan o Parlamento a explicar o acontecido, preguntou.
Tereixa Paz tamén negou que o leite manexado por Alimentos lácteos fora suficiente porque, explicou, no ano 2011 o PP despediu ao primeiro Xerente por advertir da existencia de dous problemas, falta de circulante e sobre todo falta de leite e vostedes puxeron ao que lle mandou o IGAPE e XES Galicia. Neste sentido denunciou que a proposta do IGAPE era compensar as eivas do xerente reducindo o prezo do leite aos gandeiros en plena crise do Sector Lácteo.
A parlamentaria considerou que a constitución política da empresa, a súa xestión e quebra deixando un regueiro de 15 millóns de euros de débedas, nove millóns de euros públicos fundidos e a 100 traballadores da planta sen emprego son razóns suficientes para investigar o destino das axudas públicas e consecuencias para os titulares das explotacións lácteas.