O BNG pide que se celebren eleccións nas Confrarías para prestixiar o sector
O portavoz de pesca, Daniel Rodas denuncia a necesidade de renovar os pósitos galegos, algúns dos cales levan máis de 7 anos sen renovarse.
Daniel Rodas, reclama á Consellería de Medio Rural e Mar a convocatoria de eleccións nas confrarías galegas, dada a situación antidemocrática e de deterioro dos pósitos galegos.
O deputado denuncia que coa escusa da elaboración dun novo Decreto, sen presentar dende o ano 2008, existen confrarías que levan más de 7 anos sen renovarse, outras esgotaron tódalas posibilidades de renovación dos seus membros, mantendo unha situación de parálise e democraticamente intolerable, provocando conflitividade entre @s asociad@s que queren actualizar a súa representación e que os aboca ao enfrontamento entre el@s e mesmo acudir aos xulgados, caso de Carril, que na práctica mantén unha situación alegal, antidemocrática e fora de toda normalidade e desprestixiando ao conxunto do sector.
Esta deteriorada situación, asegura o parlamentar, é amparada pola conselleira, Rosa Quintana que permite seguir mantendo o sector baixo o control do clan dos caladiños, algúns dos cales tamén conforman o clan dos aproveitadiños: todos aqueles representantes de pósitos que se aproveitan da súa condición: sobrevalorando axudas, manténdose con eleccións ganadas irregularmente e ostentando representación cando o seu barco está no desguace.
O portavoz de pesca do BNG considera que xa está ben de escudarse detrás das confrarías para xustificar a inoperancia da Consellería, e que compre convocar eleccións para que entre aire novo e lexitimidade democrática nos positos galegos, e sobre todo, rematar coa parálise da Consellería e poñer luz sobre as irregularidades detectadas nas confrarías, por parte dalgúns representantes das mesmas vinculados ao Partido Popular.