O BNG pide ao Goberno que non financie con cartos públicos a precariedade laboral da mocidade
A deputada, Montse Prado reclamou poñer en marcha un plan para evitar que destinen cartos públicos a medidas de emprego xuvenil baseadas en contratos de prácticas, formación ou contratacións con bolsas que substitúen postos de traballo
A parlamentaria do BNG, Montse Prado reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei realizar todas as actuacións precisas para destinar fondos co fin de xerar emprego e que os contratos en formación para o estudantado e as prácticas laborais sexan remuneradas ao 100%.
Asemade, a parlamentaria denunciou que se está a financiar con cartos públicos a precariedade laboral da mocidade polo que pediu un plan que evite destinar fondos públicos para un modelo de contratacións que substitúe postos de traballo.
Na súa intervención, Prado salientou que hoxe, no que Galiza conmemora o Día da clase obreira galega, temos que lamentar que a mocidade sega emigrando na procura dun posto de traballo por mor da dictatura das reformas laborais e a precariedade laboral.
A deputada recalcou que na actualidade os mozos e mozas con máis de trinta anos e cun contrato de formación, cobran 426 euros pero tamén estamos, diox, ante contratos da mocidade entre 20 e 24 anos con condicións lamentábeis e precarias que son contratados en practicas por períodos cada vez máis longos.
A precarización das condicións dos contratos de formacións funciona, dixo para maquillar as cifras de desemprego porque o único dato de contratacións que sobe é a dos contratos de formación polo que volveu demandar do Goberno galego non destinar cartos públicos para precarizar aínda máis a vida laboral da mocidade.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.