O BNG pide ao goberno galego que rexeite o acordo asinado entre Turquía e a U.E
A deputada do BNG, Montse Prado lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista para reclamar axuda e acollida digna ás persoas refuxiadas e solicitar do Goberno galego o seu rexeitamento ao acordo entre Turquía e a U.E para deportar aos refuxiad@s que chegan a Grecia
A parlamentaria do BNG, Montse Prado reclamou hoxe o compromiso do Goberno galego para rexeitar o acordo asinado entre Turquía e a U.E e esixir da Unión Europea o cambio radical das súas políticas por outras de axuda e acollida digna das persoas refuxiadas.
A deputada lamentou que o grupo maioritario do Partido popular impedira que prosperara o texto do BNG que recollía entre os seus puntos: contribuír a un programa de axuda humanitaria cos recursos necesarios para recatar e acoller ás persoas refuxiadas, abandonar as políticas imperialistas de inxerencia e de intervención militar que están detrás desta situación coa retirada das forzas militares estranxeiras dos países de Oriente próximo e Norte de África e respectar a soberanía dos pobos.
Na súa intervención, a parlamentaria leu a carta do portavoz do BNG no concello de Lugo, desprazado no Porto do Pireo, en Atenas, na que confirma as circunstancias que viven diariamente as persoas refuxiadas, aquí hai varios días que non chegan persoas refuxiadas das illas porque están retidos tras o acordo da U.E e Turquía, están desmantelando os campamentos polo tema do turismo xa que aquí chegan os ferrys e non queren que se vexa a imaxe de persoas refuxiadas. Hoxe pola mañá apareceron tres autobuses articulados que a policía encheu de kurdos para trasladalos a campamentos controlados polo exercito en zonas alonxadas da poboación. Os refuxiados e refuxiadas non saben a onde van pero soben porque lle din que é para seguir avanzando cara a Alemaña. A que lles lembra esta imaxe, preguntou a nacionalista aos membros da cámara galega, unha imaxe entrando en autobuses que noutro momento eran trens. É dramático que a Unión Europea mire para outro lado e consinta esta situación.
O BNG, dixo, a deputada quere poñer o acento na atención destas persoas porque non basta con dicir que pena. Hai que mudar de políticas que dan lugar a esta situación. O BNG pronunciouse contra a OTAN e dixo NON as políticas imperialistas e militares do pasado, do presente e do futuro, concluíu.