O BNG pide ao Goberno depurar responsabilidades na Confraría de Cabo de Cruz
Daniel Rodas denunciou as irregularidades que levaron a imputación do Patrón maior e a expresidenta da Agrupación de mariscadoras e criticou que a Consellería do Mar fixera ouvidos xordos ante as denuncias do BNG no Parlamento galego dende hai dous anos
O deputado do BNG, Daniel Rodas pediu hoxe, na Comisión de Pesca, rigor e unha resposta contundente á Consellería do Mar sobre as irregularidades producidas na Confraría de Cabo de Cruz que provocaron a imputación do Patrón maior e a expresidenta das mariscadoras.
O deputado do BNG lembrou que dende hai dous anos, o BNG denunciou, a través de diversas iniciativas a situación anómala da confraría sen que a Xunta tomara cartas no asunto, quizás dixo, porque o Partido popular quería tapala por intereses partidarios e clientelares.
Vostedes, recalcou, permiten o desfalco nas confrarías, impiden a transparencia das contas e van máis alá protexendo o furtivismo reducindo os efectivos. o Partido popular é responsábel da política clientelar que permite que algún persoeiros segan enriquecéndose mentres o sector padece unha situación dramática, sentenciou.
O deputado coincidiu coa portavoz do PP, María Herminia Pouso en que a responsabilidade final recae sobre o expatrón maior e a expresidenta das mariscadoras, pero, ao seu xuízo, a consellería tamén é responsábel por non escoitar as denuncias do proceder irregular dos responsábeis da Confraría. As eleccións non se celebraban dende había seis anos, apropiación e comercialización do marisco decomisado aos furtivos , uso particular dos medios da confraría, utilizar o combustible a cargo do cabildo, falsificar documentación, non se presentaban as contas e as mariscadoras eran obrigadas a realizar funcións de vixilancia, nós coñeciamos todo isto pero vostedes negaban sistematicamente esta realidade. Por outra parte, denunciou que a falta de recursos puña ao límite ao sector sen que a consellería intercederá para erradicar esas prácticas.
A consellería, reiterou, era coñecedora destas irregularidades e a resposta foi que a confraría era unha das máis transparentes de Galiza a pesar de presentar fora de prazo as contas.
A portavoz do Partido popular respondeu ao nacionalista que hai aberta unha investigación xudicial e polo momento só toca agardar polas conclusións.
O deputado lamentou a resposta de Herminia Pose e volveu pedir máis recursos contra o furtivismo e depurar responsabilidades sobre estas dúas personaxes que colaboraron coa política de coacción contra as mariscadoras que non realizaban os labores de vixilancia nocturna.
A iniciativa nacionalista contou co apoio dos grupos AGE e PSdeG mentres o PP anunciou o seu voto en contra.