O BNG pide abrir expediente sancionador polos danos do Parque de Arte rupestre de Campo Lameiro
A deputada do BNG, Ana Pontón denunciou que a Xunta non está a cumprir co protocolo de rozas e advertiu que poden sen danados máis petróglifos por maquinaria pesada
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe na comisión de Cultura, a través dunha proposición non de lei, abrir un expediente e investigar a fondo a xestión do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro en Pontevedra polos danos ocasionados a un dos petróglifos afectado por labores de desbroce con cadeas metálicas.
A deputada denunciou a desprotección do patrimonio cultural galego e acusou á Xunta de Galiza de incorrer en prevaricación no caso de non emprender accións contra o acontecido no Parque e Arte rupestre de Campo Lameiro.
A nacionalista lembrou que o propio Secretario xeral de Cultura nunha comparecencia parlamentaria, negou a gravidade do dano ao petróglifo,dano, remarcou Pontón, que pasado un tempo foi recoñecido.No primeiro informe dos técnicos, engadiu, non existía o petróglifo pero tras a presión e visita da Garda Civil tiveron que cubrirse as costas elaborando un segundo informe confirmando a súa existencia como figura nas conclusións do técnico no informe: Unha pequena combinación circular integrada por un círculo completo e outro incompleto...que desafortunadamente non foi recoñecido por min a pesar da experiencia acumulada de anos de estudo da arte rupestre e se pode comprobar que as alteracións non afectarán a nova figura. Primeiro din que non existe, logo que si e finalmente que non lle afecta. Dende o BNG, inquiriu Pontón, cremos que todo isto é unha trapallada que non podemos considerar como un informe técnico rigoroso.
Ante a gravidade dos feitos, a deputada reiterou a necesidade de abrir un expediente sancionador e de non ser así, afirmou, resulta evidente que responde a unha directriz da Dirección xeral de Patrimonio.
Finalmente, a deputada tamén denunciou as pegadas aparecidas na laxe dos carballos unha das pedras máis grandes do parque cos petróglifos máis importantes do parque, seguen incumprindo o protocolo de roza con maquinaria pesada, afirmou.
A iniciativa nacionalista non prosperou ao ser rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.