O BNG participa na celebración da Diada con actos propios en apoio das independencia de Catalunya
O BNG participa este ano na celebración da Diada coa organización dun acto propio en Barcelona baixo o lema Adiante Catalunya, Galiza pola independencia, que contará coa presenza e intervencións políticas dos cabezas de lista das dúas principais candidaturas independentistas que concorren nos comicios cataláns do vindeiro 27 de setembro, Raül Romeva, por Junts Pel Si, e Antonio Baños, pola CUP.
O acto terá lugar na Praza Soller este xoves 10 de setembro, -véspera da Diada e coincidindo co arranque da campaña electoral-, coa asistencia do portavoz nacional, Xavier Vence, do secretario de organización, Bieito Lobeira, e da secretaria de Política Internacional, Ana Miranda. E contará coa participación de significados representantes da Asemblea Nacional Catalá (ANC) e de Súmate, ambas iniciativas cidadáns a prol da creación dun novo país.
Será un acto política aberto ao conxunto da cidadanía, coas intervencións de Xavier Vence, Bieito Lobeira, Raül Romeva, Antonio Baños, Camilo F. Valdehorras, do Foro cívico galego, Eduardo Reyes de Súmate, e Liz Castro da ANC entre outros. Ademais das intervencións políticas, o acto contará coas actuacións de Mini e Mero e Sés.
O Bloque quere celebrar dun xeito diferenciado a Diada deste ano por coincidir co inicio da campaña electoral catalá, á que as forzas independentistas dan un carácter plebiscitario de cara á eventual creación dunha Catalunya independente.
Na propia xornada da Díada, a delegación do BNG asistirá aos eventos habituais de conmemoración do 11 de setembro, coa participación na ofrenda floral ante o monumento a Rafael Casanova convidado por ERC e pola CUP e, igualmente, acudirá á manifestación convocada por Ómnium e ANC a favor dun nou país, que se espera sexa multitudinaria.