O BNG, na rúa en defensa do naval galego
O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, tomou parte na multitudinaria manifestación celebrada hoxe en Vigo en defensa do sector naval, na compaña de membros da formación nacionalista como a deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila, o portavoz do grupo municipal, Santiago Domínguez, e a secretaria de Comunicación da Executiva Nacional e deputada, Carme Adán.
Nun breve encontro cos medios de comunicación, Jorquera saudou a resposta da sociedade viguesa en defensa dun sector estratéxico para a Ría de Vigo en particular e para Galiza en xeral.
Franza e Holanda fican coa cota de mercado de Galiza
O naval está nunha situación límite por decisións exclusivamente políticas adoptadas por Bruxelas ante a pasividade dos gobernos do Estado e galego, analisou o dirixente nacionalista. A suspensión do tax lease tiña como obxectivo que os esteleiros franceses e holandeses se quedasen coa cota de mercado dos esteleiros galegos. Así de simples. Franza e Holanda continúan a desfrutar de reximes fiscais moi favorábeis. Galiza, en troca, non. Así non podemos competir en pé de igualdade, denunciou.
O naval galego está nunha situación límite por decisións políticas adoptadas por Bruxelas ante a pasividade dos gobernos estatal e galego
Jorquera demandou aos gobernos do Estado e galego que abandonen a súa pasividade e defendan con firmeza ante Bruxelas os intereses do naval galego.
Feijóo non pode facer como que isto non vai con el. Galiza ten a taxa de paro máis alta da súa historia. O sector naval é estratéxico e ten unha enorme capacidade de criación de emprego, salientou o tamén portavoz do BNG no Congreso dos Deputados.