O BNG logra en Vimianzo superar a vella política caciquil cun goberno honesto e eficaz
Reivindica unha liña de avais do IGAPE para financiar a instalación de empresas no parque empresarial e levar ata Berdoias a Autovía da Costa da Morte
Nunha visita ao Concello, Vence salientou os dous aspectos que definen o traballo do grupo de goberno local: ser capaz de mudar a vella política caciquil devolvendo calidade democrática á institución municipal, e a aposta decidida por dinamizar o tecido económico, cultural e o patrimonio arquitectónico de Vimianzo.
Pese a estratexia de obstrución da oposición, pese a todas as súas estrataxemas de xudicialización, Antelo e a súa equipa foron superando obstáculos, recuperando calidade democrática e deixando atrás a etapa de goberno da vella política caciquil, de trama de intereses entre o goberno local e intereses espurios, explicou Vence.
Unha aposta clara por mudar a vella política caciquil cun goberno honesto, eficaz e dinamizador, reiterou o portavoz nacional.
O dirixente nacionalista, declarou o orgullo do BNG pola xestión da equipa de goberno de Vimianzo, exemplar e de especial mérito porque hai unha oposición que só practica a obstrución ata o límite, o que non lles impediu desenvolver unha xestión económica eficaz coas contas saneadas, con iniciativa económica, cultural, de ocio e de dinamización do Concello.
Pola súa parte, Antelo valorou o apoio do portavoz nacional nun contexto de goberno moi complicado onde é imposible conformar acordos porque se carece de interlocutor, e lamentou que a oposición adique todos os seus esforzos a tratar de destruír un goberno en lugar de construír Vimianzo desde as súas posicións. Lévannos aos xulgados por loitar contra a corrupción, non por ser corruptos, recalcou, tras agradecer o apoio dos veciños e veciñas.
Reivindicacións
Vence súmase as reivindicacións trasladadas polo alcalde, en particular a demanda de que a Xunta avale, a través do IGAPE, o financiamento de todos aqueles proxectos empresariais solventes que aposten por implantarse no parque empresarial de Vimianzo.
O concello ten feito un esforzo extraordinario coa redución nun 95% do imposto municipal do ICIO pero, como denuncian os propios empresarios, falta o acompañamento financeiro do IGAPE para facilitar os avais para levar a cabo os investimentos porque, a día de hoxe, o empresariado ten unhas grandes dificultades de financiamento, explicou, tras asegurar que levarán esta demanda ao Parlamento para que a Xunta faga a súa parte.
Igualmente, reclamou a Feijóo que cumpra cos seus compromisos e se complete ata Berdoias o trazado da Autovía da Costa da Morte como infraestrutura vertebradora de toda a comarca e non se pode adoptar decisións de fragmentación da obra en función dos intereses da empresa adxudicataria, denunciou.
Vence amosouse convencido que o exemplo de goberno dos diferentes concellos do BNG na comarca, - Vimianzo, Zas ou Carballo-, terán un recoñecemento nos comicios de maio.
Na visita institucional, ademais na recepción no concello, Vence tivo oportunidade de visitar o mercado municipal, o rehabilitado muíño da Agra e as actividades de comercio artesanal do Castelo de Vimianzo.