O BNG leva ao Parlamento a negativa do SERGAS a contratar a unha muller embarazada
A deputada nacionalista, Montse Prado cualifica de discriminación laboral e sexismo declarar non apta a unha celadora embarazada que xa informara desta circunstancia no momento de ser chamada para cubrir unha substitución
A deputada do BNG, Montse Prado rexistrou unha Proposición non de lei instando a Consellería de Sanidade a rectificar e iniciar as medidas necesarias para restituír os dereitos laborais dunha traballadora incluída nas listas de contratación do Sergas á que lle foi negado o contrato laboral por estar embarazada, circunstancia, afirma a nacionalista, da que a traballadora informou cando se realizou o chamamento.
Prado explica que a traballadora acudiu a seu posto de traballo no Hospital de Vigo e no lugar de asignarlle as funcións de celadora foi derivada á unidade de riscos laborais onde foi declarada non apta. En troques de adecuar o seu posto de traballo a súa situación como establece a normativa, as responsábeis do centro non lle permitiron incorporarse ao traballo.
A parlamentaria denuncia as explicación inaceptábeis d@s responsábeis do Sergas amparándose nun informe sobre saúde e protección da maternidade e cualifica de indignas as declaracións da propia conselleira, Rocío Mosquera que afirmou : esa persoa, pola razón que sexa, non está en condicións de realizar o traballo e non se vai contratar, e tan sinxelo como iso, non se vai formalizar o contrato.
Montse Prado censura estas declaracións que poñen de manifesto a verdadeira faciana da conselleira e inhabilítana para ser a titular da Consellería da Sanidade Pública galega