O BNG lanza un SOS para salvargardar o sistema público de pensións, en perigo pola xestión do PP
O BNG considera que o Goberno do PP está poñendo en risco o futuro do sistema público de pensións en particular coa xestión do Fondo de Reserva de Pensións, ao que ten dado un bocado de 55.931 millóns de euros entre 2012 e 2016, deixando esta hucha en pouco máis de 25.000 millóns de euros fronte aos 67.000 cos que contaba en 2011. A este ritmo, en 2018 este fondo de reserva quedaría baleiro.
Esta situación é aínda máis preocupante en Galiza, explicou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pois os e as pensionistas deste país perciben a prestación máis baixa de todo o Estado, coa excepción de Extremadura, -741 ao mes-, e temos un mercado laboral precarizado en tipo de contratación e salarios. En concreto, o 95% dos novos contratos do último ano foron precarios e un 31% dos e das asalariadas non chegan ao SMI de 655 euros mes.
Neste contexto, o BNG propón a creación inmediata dunha comisión de estudo, que pode estar impulsada desde o Goberno ou desde o Parlamento galego, integrada por expertos, axentes sociais e forzas políticas para determinar cal debe ser as medidas a adoptar para garantir a viabilidade do sistema público de pensións e, ao mesmo tempo, acortar a distancia entre a pensión media en Galiza coa media estatal.
Son necesarios cambios en profundidade porque o modelo imposto polas políticas do PP está baseado na precariedade, nos baixos salarios e na emigración, o que fai insostible o actual modelo e pon en risco o sistema de pensións, indicou a portavoz nacional.
Pontón enumerou as propostas do Bloque para mudar esta situación ademais da comisión de estudo, que pasa por suprimir as contrarreformas laborais do PP ademais de estudar a implantación dun imposto ás grandes fortunas para sufragar as pensións non contributivas que aínda se costean desde a caixa da Seguridade Social.
A portavoz nacional foi moi crítica coa inacción política do presidente da Xunta, ante unha situación que pon en risco o sistema de pensións cando en Galiza son un sustento vital en miles de familias e para miles de persoas. Feijóo está mudo, mira para outro lado e non ten iniciativa algunha máis alá de defender as contrarreformas laborais impostas polo seu partido. Non se pode estar de espectador, ou vendo se lle move a cadeira a Rajoy en Madrid, cando está en xogo un asunto desta dimensión social, alegou.
Informe Alvia
A dirixente nacionalista comenzou a comparecencia cun recoñecemento ao traballo realizado polo BNG en todas as institucións para esclarecer a verdade e as responsabilidade políticas no accidente de Angrois, sempre ao lado das vítimas, tanto no Parlamento galego, no Congreso, como en Bruxelas, a través da portavoz na UE, Ana Miranda.
Estivemos desde o principio e seguiremos ata o final para coñecer a verdade por xustiza coas vítimas e coa sociedade galega, e o informe que esta tarde se dará a coñecer por parte da Comisión Europea é unha mostra do traballo e da constancia do BNG por esclarecer os feitos e as responsabilidades nunha traxedia que non pode volver a repetirse, indicou.
Esta tarde a Comisión Europea dará a coñecer ao BNG e aos representantes da Plataforma de vítimas o contido do informe elaborado sobre o sinistro do Alvia, accedendo por fin a divulgar un documento insistentemente reivindicado polo Bloque.