BNG interrompe as negociacións co PSOE pola falta de avances no programa político para as deputación
Confía na responsabilidade da formación socialista para dar unha alternativa en Lugo e reitera que o 24M a cidadanía reclamou un cambio profundo na administración local
O BNG dá por suspendidas as negociacións co PSdeG-PSOE ante a falta de avances reais na negociación dun acordo político programático nacional, que sirva para abrir unha nova etapa no funcionamento das deputacións no camiño da súa desaparición a través da transferencia de competencias e recursos cara a Xunta e os concellos.
Igualmente, o BNG reiterou ao PSdeG-PSOE que non vai dar o seu apoio para asumir a presidencia da Deputación de Lugo a ningún cargo público imputado e, de novo, volveu apelar á responsabilidade do partido socialista para que formule unha proposta que poda facilitar un goberno alternativo ao PP no ente provincial, e sempre cun acordo programático previo.
Así mesmo, a formación nacionalista subliña que non son tempos para decisións unilaterais, menos na conformación de órganos de goberno. O resultado do 24M deixa claro que a cidadanía quere diálogo, negociación e abrir un cambio en profundidade nas administracións locais.