O BNG insta á Xunta a non pechar camas hospitalarias nos meses de verán
A deputada, Montse Prado advirte das graves consecuencias da medida, tanto no eido asistencial como laboral
A parlamentaria do BNG, Montse Prado alerta das dificultades no acceso de prestacións sanitarias ante o peche de camas hospitalarias nos meses de verán e insta á Xunta, a través dunha proposición non de lei, a non pechar unidades de hospitalización e realizar as contratacións e substitucións de persoal para non proceder ao peche de camas nos centros hospitalarios do SERGAS. Ademais o BNG reclama ter operativos todos os recursos, dos que dispón o SERGAS, camas, quirófanos,... e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis, susceptíbeis de ser usados nos centros públicos.
Sanidade persiste en obstaculizar o acceso ás prestacións sanitarias
A Xunta do Partido Popular, explica a deputada, persiste na súa política de peche de camas nos centros hospitalarios da rede pública de Galiza durante os meses de verán. No eido asistencial, esta decisión vai significar unha maior dificultade ao acceso de prestacións sanitarias por parte da poboación galega, aumento das listas de espera, saturación dos servizos de urxencias e aumento da presión dos e das profesionais sanitarias para reducir o número de ingresos e rebaixar as estancias hospitalarias así como no emprego do sector sanitario. A consecuencia da decisión política do Partido popular materializase en máis derivacións de doentes a centros hospitalarios privados.
No eido laboral, engade a nacionalista, o peche de camas hospitalarias significa un aumento do desemprego do persoal sanitario, porque estas camas pechadas, recalca, inciden no desmantelamento do emprego público e impide o acceso ao emprego de miles de traballador@s que están inscritos nas listas de contratación.
Máis unha vez, engade a parlamentaria do BNG, a consellaría de Sanidade prioriza os recortes fronte as necesidades da asistencia sanitaria d@s galeg@s, así como a precarización fronte á calidade asistencial.
A deputada cualifica de indecente realizar o peche de camas cando hai miles de galegos e galegas en listas de espera, miles de profesionais nas listas de contratación, son privatizados os servizos e derívanse sistematicamente doentes á sanidade privada.
O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a non pechar unidades de hospitalización, e a realizar as contratacións e substitucións precisas de persoal para non proceder ao peche de camas nos centros hospitalarios do SERGAS, manter operativos todos os recursos dos que dispón o SERGAS, camas, quirófanos,... e non realizar ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis susceptíbeis de ser usados nos centros públicos.