O BNG inicia unha campaña de auto-inculpacións en solidariedade con #Os5doBloque #NonNosCalarán

Á vista do acontecido en relación coas falsas e gravísimas acusacións formuladas na denuncia realizada pola policía española contra cinco militantes do BNG (Paulo Carballada, Afonso Losada, Rubén Cela, Paulo Carril e Xavier Aboi), con motivo dos feitos producidos na visita á Galiza de Angela Merkel e Mariano Raxoi no mes de agosto de 2014, a Executiva Nacional do BNG acordou:

1.- Interpretar esta situación como parte dun proceso gravemente involutivo, tamén do punto de vista democrático, coa intención de eliminar a contestación social. Mais tamén dirixido, especificamente, contra o BNG, a CIG e o nacionalismo galego, alicerces da resposta social e política na Galiza.

2.- Pasarmos á ofensiva e, daquela, pórmos en marcha as accións precisas en solidariedade cos compañeiros denunciados, así como en defensa da democracia e da liberdade de expresión e manifestación.

3.- A curto prazo, xulgamos preciso iniciar unha campaña de autoinculpacións masivas, co fin de seren entregadas no Xulgado nº 2 de Compostela o vindeiro 13 de febreiro, sexta feira, ás 11.00 horas da mañá, no marco dunha concentración convocada por este motivo perante o edificio de xulgados de Compostela (Fontiñas).

É por iso que nos diriximos a ti, compañeir@, para che pedir que asines a correspondente autoinculpación, concibida como elemento simbólico de apoio colectivo aos nosos compañeiros, mais tamén para evidenciar que o BNG como organización se toma a serio este ataque ás liberdades públicas. As e os membros do Consello Nacional serán os primeiros en se autoinculparen.

A continuación podes descargar o modelo a cubrir en distintos formatos (escolle o que prefiras), que deberá ser devolto, quer na túa localidade e/ou comarca, quer directamente á sede nacional, cos teus datos e sinatura.

DESCARGAS:

Modelo de auto-inculpación en formato PDF, DOC ou ODT.