O BNG impulsará a creación dunha comisión no Parlamento para denfender o medio rural

O portavoz de educación do BNG, Cosme Pombo comprometeuse coa Mesa Galega de Eduación Rural a impulsar a comisión parlamentaria destinada a frear a eliminación dos servizos do medio rural

Pombo amosou o apoio do BNG ás reivindicacións da Mesa de Educación e anunciou a presentación de diversas iniciativas parlamentarias para impedir a supresión de servizos no medio rural

O portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo mantivo hoxe unha xuntanza en sede parlamentar cos membros da Mesa Galega de Educación Rural, ao fin de abordar un plan de educación rural baseado nun proxecto educativo especifico, un novo modelo de escola rural con dotación compensatoria de profesorado e recursos e un mapa escolar que contemple para cada zona ou comarca as necesidades educativas de cero anos ata adultos.

Pola súa parte, Pombo trasladou o compromiso do BNG ás reivindicación da Mesa e o apoio do grupo parlamentario á “creación dunha Comisión parlamentaria” destinada a impulsar o ensino no medio rural e impedir a supresión de servizos.

O parlamentario nacionalista coincidiu cos membros da Mesa Galega de Educación Rural na reclamación dun cambio dos “plans destrutivos” instalados durante sete décadas e camiñar cara unha política xeral de fomento do medio rural galego dinamizando a política educativa.

O nacionalista reiterou que a política educativa debe responder “á diversidade galega” e a un equilibrio social, económico e cultural fronte os criterios economicistas da Xunta de Galiza.

Pombo agarda o apoio do resto dos grupos parlamentarios para impulsar a comisión destinada a dinamizar o medio rural e dotalo de servizos en condicións de igualdade.