O BNG exixe do PP a reprobación do alcalde de Baralla e pide a condena do franquismo
O BNG advirte de que son moitos os cargos do PP que pretenden negar a historia por tantos anos ocultada e manipulada para, desta maneira, borrar a memoria das vítimas de tan cruenta represión. O vindeiro 17 de agosto reivindicaremos en Pontevedra a data do Día da Galiza Mártir e lembraremos Alexandre Bóveda, para sempre na nosa memoria. Dentro duns días, o 19 de agosto, haberá 77 anos que apareceu, tras ser asasinado e tirado nunha gabia en Cacheiras, o corpo sen vida de Ánxel Casal, primeiro alcalde nacionalista da cidade de Santiago de Compostela, capital da Galiza. Na súa honra, e na de tantas persoas anónimas que sofreron a represión en diferentes graos por teren defendido a lexitimidade democrática, o BNG chama a non consentir que se xogue e que se manipule a realidade.
Neste contexto, o BNG reclama do presidente do Partido Popular a condena explícita dos crimes producidos pola ditadura franquista e do PP unha posición clara e rotunda a respecto da represión que esta xerou. Cómpre rematar dunha vez coas moito máis que desafortunadas palabras de representantes políticos do PP que negan ou xustifican a represión fascista para o escándalo e o arrepío da multitude de persoas boas e xenerosas deste país.