O BNG exixe ao goberno galego un Plan de medidas urxentes contra a violencia machista
A deputada, Carme Adán reclama no Parlamento galego a posta en marcha dun Plan de medidas urxentes contra a violencia machista
A parlamentaria do BNG, Carme Adán manifestou hoxe, en sede parlamentar, que violencia machista sitúanos ante unha situación de emerxencia.
A deputada anunciou que na comisión de Igualdade que se celebrará esta semana no Parlamento galego, o BNG pedirá rematar os traballos o antes posible e elaborar un Plan de medidas urxentes contra a violencia machista dada a situación reiterada, tanto en Galiza como no Estado español.
Entendemos, dixo, que non se poden dilatar máis os traballos da Comisión de Igualdade que analiza o funcionamento da Lei Integral e a Lei galega pero o máis importante, recalcou, é elaborar un plan que dea resposta aos servizos que atenden as mulleres vítimas de violencia de xénero nos xulgados e nos centros de mulleres.
O goberno galego e a secretaría Xeral de Igualdade deben elaborar o plan de medidas urxentes que conte, posteriormente coa aprobación do Observatorio de violencia e debe contar tamén cos traballos rematados da comisión de Igualdade.