O BNG esixe en Marín a volta inmediata da flota cefalopodeira a Mauritania
O BNG sumouse á manifestación convocada en Marín para esixir a "volta inmediata" dos barcos cefalopodeiros galegos ao caladoiro de Mauritania, do que permanecen expulsados desde xullo de 2012, tras o novo acordo de pesca UE-Mauritania, polo que o país africano recibe 140 millóns de euros en dous anos a cambio dunhas opcións de pesca das que queda excluída a frota galega.
A representación nacionalista estivo integrada pola deputada Olaia Fernández, o portavoz de Pesca no Parlamento galego, Daniel Rodas, Bieito Lobeira como membro da Executiva nacional e a eurodeputada Ana Miranda, quen salientou a "decisiva" votación do informe que pide a renegociación do acordo na reunión da Comisión de Pesca da Eurocámara do vindeiro 29 de maio.
Neste sentido, Miranda deixou clara a posición do BNG: "votaremos a favor de vetar o acordo actual e renegociar un novo protocolo que inclúa aos cefalópodeiros, a menos que haxa novidades favorables para a frota galega nas negociacións entre os representantes de Mauritania e os da UE que hoxe mesmo se volven a ver as caras na reunión do Comité científico creado ao amparo do actual convenio", explica a eurodeputada.
O BNG considera que a mellor opción sería chegar a un acordo que rectifique a exclusión da frota e inclúa o regreso dos 20 barcos galegos a augas mauritanas. "Permitiría ganar tempo a unha frota que leva case un ano amarrada a porto", salienta Miranda.
Ineficacia da Xunta
A formación nacionalista ten presentado numerosas iniciativas parlamentares a nivel nacional, estatal e europeo e critica a "ineficacia política" do Goberno da Xunta, "incapaz de defender os intereses do sector pesqueiro galego". "A Xunta non moveu un dedo para evitar a indefensión da nosa frota, e apenas reacciona cando o protocolo estaba asinado e a expulsión consumada", lamentou a eurodeputada.
Mauritania alega sobreexplotación dos cefalópodos para xustificar a exclusión. Sen embargo, os informes científicos amosan a recuperación da especie, e mentres se negaba o acceso a frota de Marín se lle abría o caladoiro á frota chinesa. "O acordo ten que ser xusto para as dúas partes, e a compensación de 140 millóns de euros que leva Mauritania tamén se paga cos impostos dos tripulantes e das empresas galegas que non reciben nada a cambio. Nestes termos, o acordo é inadmisible", conclúe Miranda.