O BNG esixe a dimisión do deputado do PP, Antonio Mouriño por "fraude"
O BNG considera que o seu comportamento, ao intentar cobrar o paro, é inmoral, miserábel e unha burla aos miles de persoas que non perciben ningún tipo de ingreso
Logo de coñecerse que o deputado popular , Antonio Mouriño, ex-alcade de Celanova, intentou cometer unha fraude para poder cobrar unha prestación por desemprego, o BNG considera estes feitos moi graves e un insulto a milleiros de galegos e galegas que están no paro, dos cales a metade non cobra ningún tipo de prestación.
Ante o acontecido, a deputada nacionalista, Tereixa Paz solicita a inmediata dimisión do deputado do Partido popular, Antonio Mouriño.
Este deputado, explica Tereixa Paz, tentou simular un despido para poder cobrar un mes e medio de prestación, proceder, que a xuízo da parlamentaria do BNG evidencia que no Partido Popular parecen expertos en simular a realidade, sobre todo para cobrar de forma ilexítima cartos públicos polo que reiterou que as persoas que actúan desta maneira non poden permanecer nin un minuto máis nun cargo público.
O Bloque Nacionalista Galego considera a actuación do Sr. Mouriño, un comportamento ético incompatíbel coa representación da cidadanía que se outorga a un deputado/a, hai algúns que cada día demostran que só están en política para ver como poden sacar algún lucro persoal manifestou Tereixa Paz.
O BNG cualifica de inmoralidade que un cargo institucional do partido que aplica continuos recortes aos desempregad@s, nas prestacións e subsidios, nas bolsas de estudo e impón todo tipo de repagos nos servizos públicos á cidadanía galega, pretenda acceder a unha prestación de maneira fraudulenta. O Sr. Mouriño, reitera a deputada do BNG, non foi despedido deixou voluntariamente o seu cargo de alcalde para poder presentarse á súa elección como deputado.