O BNG, con Dilma Rousseff!
O BNG denuncia o que cualifica de ataque antidemocrático contra a presidenta do Brasil, Dilma Rousseff, enfrontada a un proceso de destitución, -impeachment-, sen que exista proba algunha de comisión de delito pola mandataria. Neste sentido, reclama que cese a farsa promovida polos poderes financeiros e mediáticos do país, que non se resignan a un goberno pensado para a maioría do pobo brasileiro, que loita pola igualdade e contra a pobreza.
Para o Bloque, en liña co expresado por organismos internacionais como UNASUR, a elección democrática e maioritaria de Dilma Rousseff como presidenta do Brasil non pode ser derogada nun xuízo político desde a Cámara de Deputados, sen proba algunha que vincule a primeira mandataria do país ca comisión dun delito.
O BNG confía en que se poña freo a un despropósito que podería traer graves consecuencias para a estabilidade e a democracia na rexión, cunha presidenta xulgada politicamente por unha cámara que, como denuncian desde o Partido dos Traballadores, ten a máis do 50% dos seus membros, incluído o presidente, acusados pola xustiza.