O BNG desbota a nova Lei de Vivenda por estar feita a medida dos promotores
O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa deputada Isabel Sánchez, defendeu hoxe a devolución do proxecto de lei de vivenda por considerar que é un texto innecesario e sesgado, que prioriza os intereses dos promotores fronte ao dereito constitucional dos cidadáns a unha vivenda digna.
Isabel Sánchez, durante o debate en pleno da totalidade do proxecto, criticou especialmente que nun momento de crise como o actual, con tantas familias con problemas para facer fronte ás súas hipotecas ou alugueiros, a nova lei non aborde en ningún punto os casos de desafiuzamentos, nin contemple tampouco medidas para fomentar o aluguer para a xente nova e persoas con menos renda.
Nun momento de crise unha nova lei non pode obviar os desfiuzamentos nin o fomento de alugueiros para mozos e persoas con rendas baixas
Para a deputada nacionalista, o texto presentado hoxe polo conselleiro Agustín Hernández ven sustituir unha lei anterior aínda reciente, de 2008, moito máis completa e que aínda non acadara o seu desenvolvemento pleno.
No seu lugar engadiu- temos un documento inútil para resolver os verdadeiros problemas da vivenda en Galiza e que carece de densidade normativa. Hai unha chea de declaracións de intencións pero baleiras de compromisos reais, como denuncia non só o BNG senón tamén a propia Fegamp a través dunha alegación á lei.
Favorecer os promotores
Isabel Sánchez asegurou que a preocupación real que se agocha tras o novo proxecto lexislativo é dar saída ao stock de vivendas baleiras de promotores e bancos, iso si, sen abaratar prezos nin promocionar o aluguer.
Explicou que o pretendido compromiso de favorecer a vivenda protexida hai que poñelo en tela de xuízo, pois o proxecto de lei recolle unha redución da reserva de solo para este tipo de construcións do 40 ao 30 por cento, que unha vez aplicadas as excepcións pode reducirse aínda máis, por baixo do 10 por cento en concellos de máis de 5.000 habitantes, nun 18,37 por cento no caso de Santiago e nun 15,91 no caso da Coruña.
A nova lei limita a posibilidade de vivenda protexida e a súa calidade e apenas contempla a rehabilitación
A parlamentar do BNG recordou que dificilmente se se reduce a reserva de solo se vai ampliar a oferta e denunciou que non só hai unha diminución da vivenda protexida senón que a nova lei tamén rebaixa a súa calidade, pois a superficie máxima baixa dos 140 metros cadrados aos 120 e se elimina a esixencia dunha superficie mínima, establecida até o de agora en 40 metros cadrados.
Rehabilitación e conservación
Isabel Sánchez coincidiu co ditame do Consello Económico e Social en que a lei debera apostar pola conservación e a rehabilitación tanto no rural como no espazo urbano, mais vostedes prefiren obviar esta necesidade e eliminan a posibilidade de intervención da administración nos concellos que incumpran coas súas obrigas neste aspecto.
Reduce as sancións, favorecendo o fraude e protexendo máis aos promoteres que aos usuarios
Para a deputada nacionalista, o voto en contra do BNG ao proxecto vén tamén da eliminación de todos os aspectos sociais que si contempla a lei aínda vixente e polo retroceso nos dereitos dos usuarios, a través da drástica redución das sancións que penalizan conductas como os sobreprezos ou primas.
Permisividade na fraude
Non sei en quen estarán pensando vostedes ironizou- pero dende logo nos usuarios non e tiran por terra o traballo de loita contra o fraude feito até o de agora.
Sánchez concluiu advertindo que este proxecto de lei vai contribuir aínda máis ao deterioro nas políticas de vivenda que se ten producido esta lexislatura, cunha rebaixa acumulada no orzamento de 283 millóns de euros, 60 millóns inexecutados só no último exercicio e parálise dos programas de vivenda e rehabilitación, mentres, iso si, se aproban importantes rebaixas fiscais para a compra de segunda ou terceira vivenda sen importar o nível de renda.