O BNG denuncia o terrorismo do estado de Israel contra a poboación palestiniana
O Bloque Nacionalista Galego ten convocadas para esta tarde concentracións en diversas localidades do noso país coas que quer expresar a súa máis enérxica condena perante a operación de limpeza étnica que o Estado de Israel está a perpetrar contra o pobo palestiniano na Franxa de Gaza.
Estamos a falar de prácticas terroristas contra poboación civil desarmada que se teñen traducido na morte de moitas crianzas.
Por iso, o BNG condena esta situación e a complicidade colaboracionista con estes crimes por parte dos gobernos do Estado español, a UE e os Estados Unidos.
Fica claro que sen o amparo da Unión Europea e moi nomeadamente dos Estados Unidos non sería posíbel que Israel violase permanentemente a legalidade internacional, os dereitos humanos do pobo palestiniano e incumprise impunemente as resolucións de Nacións Unidas.
O Bloque Nacionalista Galego insta ao Goberno español a que cese na súa política colaboracionista con Israel e a que se poña do lado do respeito da legalidade internacional.
Emprazamos, asemade, ao Goberno a que defenda no seo da Unión Europea a denuncia do Acordo de Asociación entre a UE e Israel mentres este Estado non poña fin aos seus ataques terroristas.
Para o BNG, non existe dúbida algunha: a restauración da xustiza e do respeito dos dereitos humanos e a legalidade internacional pasa en Oriente Próximo polo recoñecimento do dereito de autodeterminación do pobo palestiniano.