O BNG denuncia a reestruturación do persoal dos servizos públicos previstos pola Xunta
O BNG reúnese con representantes da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos e denuncia un ERE encuberto de 1.528 efectivos aos que se sumarán os do servizo de Saúde entes autónomos, interinos e eventuais.
O viceportavoz do G.p do BNG, Carlos Aymerich e a deputada e portavoz de Administracións Públicas, Tereixa Paz mantiveron unha xuntanza con representantes da Plataforma en Defensa dos Servizos públicos ante as novas previsións dos Orzamentos da Xunta de Galiza entre as que figuran a reestruturación de persoal en diferentes servizos.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Tereixa Paz afirmou que as novas previsións recollidas nas contas da Xunta para o vindeiro 2013 representan un ERE encuberto que afectará a 1528 persoas aos que se sumarán outros tamén previstos no Servizo de Saúde, entes autonómicos e persoal interino e eventual.
Paz afirmou que non serán cubertas as xubilacións nin as baixas ademais de reducir as prazas para persoal de carreira, a intención do Goberno galego segue a ser a privatización e posterior eliminación dos servizos públicos, apostillou.
Manifestación o 17 de xaneiro nas cidades galegas
Pola súa parte, a portavoz da Plataforma, Carme Santamariña manifestou o rexeitamento dos traballadoras e traballadores da Administración pública da proposta recollida no proxecto de orzamentos da que dixo, sacrifica ao colectivo de traballadores como moeda de cambio.
Para Santamariña, as graves reducións laborais van parellas aos recortes dos propios servizos públicos baixo a taxa de reposición presente nos presupostos e que terá como primeira consecuencia que moitas persoas non poderán acceder aos servizos públicos.
Finalmente, a Plataforma demanda a través do BNG, defender aos traballadores e aos propios servizos públicos e convocou á cidadanía galega á manifestación prevista para o vindeiro día 17 de xaneiro nas principais cidades galegas baixo esta reclamación.