O BNG denuncia problemas para recuperar a asistencia sanitaria, tras 90 días fora do Estado
Montse Prado negou o proceso automático defendido pola Xunta para acceder a este servizo nun momento de grande emigración en precario da mocidade galega
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao Goberno na comisión de sanidade relativa ás disposicións que establecen que as persoas paradas de longa duración ou que teñan esgotada a prestación por desemprego perderán o dereito á asistencia sanitaria si permanecen fora do Estado español máis de 90 días nun ano natural.
Na súa intervención, a deputada asegurou que o PP xa non pode seguir amparándose en resolucións europeas porque a media provén do Goberno do Estado español, e tres meses despois de entrar en vigor lonxe de tentar eliminala os mozos e mozas obrigados a emigrar por falta de oportunidades laborais en Galiza, son os máis afectados.
Neste sentido engadiu que a mocidade que busca traballo fora non marcha nas mellores condicións, moitos deles,afirmou, marchan sen contrato de traballo ou cun emprego precario e vostedes, abócanos á ilegalidade por medo a perder a prestación sanitaria.
A parlamentaria asegurou que as persoas afectadas cando volven a Galiza non poden regularizar esta prestación porque teñen que solicitala e cumprir unha serie de requisitos, non é un proceso automático como afirma o Partido popular, denunciou. Convértenas en sen papeis no estranxeiro e sen recursos en Galiza.
Para a deputada, as novas medias aplicadas na sanidade polo Partido Popular responden a un cambio de modelo, non a base dos impostos de todos e todas, senón pagando quen ten recursos e os demais á beneficencia.
Pola súa parte, o secretario xeral do Servizo de Saúde, Antonio Fernández Campa asegurou que a medida non é lesiva e o proceso faise de maneira automática á volta ao país de orixe segundo a normativa europea, estremo que a deputada do BNG volveu a negar.
Tras a resposta do membro do goberno, a nacionalista comparou ao Partido popular coa avestruz que esconde a cabeza debaixo da ala para describir unha realidade falsa. A realidade, dixo é que as persoas que marchan para traballar fora, fano de maneira precaria e teñen graves problemas para acceder á prestación sanitaria cando volven.
Prado censurou a deixadez do Goberno galego por non rebelarse ante o Goberno do Estado para defender ás persoas afectadas por esta medida. Vostedes, concluíu, non puxeron en marcha esta iniciativa para aforrar, fixérono por ruindade.