O BNG denuncia que as empresas adxudicatarias do transporte sanitario incumpren as condicións
A deputada Montse Prado denunciou "trato de favor" do Partido popular a unha empresa adxudicataria do servizo do 061
A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu unha proposición non de lei na comisión de Sanidade co fin de esixir ao goberno galego o cumprimento das condicións establecidas no concurso do servizo de transporte sanitario urxente ás empresas adxudicatarias e rematar co uso de ambulancias de apoio non equipadas como transporte sanitario de emerxencias.
Por outra parte, a parlamentaria tamén reclamou garantir os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras que prestan servizo nas adxudicatarias co cumprimento do convenio colectivo.
A deputada explicou que unha importante parte das empresas beneficiadas do concurso convocado polo 061 presentaron unha oferta económica á baixa o que xa causou no momento, dixo, fundados temores sobre a merma nas condicións laborais, perda de empregos e deterioro da calidade asistencial.
O PP beneficia a empresas amigas
A nacionalista explicou que na adxudicación do concurso, a gran beneficiada foi a empresa Ambuiberica que accedeu a máis do 50% dos lotes en diversas localidades galegas. O BNG xa denunciou esta situación por considerar que a empresa viña precedida de conflitos e escándalos e mesmo con condenas xudiciais por vulneración de dereitos laborais e sindicais. Ademais, a empresa, dixo a deputada, está participada na súa maior parte por unha empresa de capital risco dirixida por un referente do Partido popular, o alcalde do concello valisoletano de Mayorga.
A parlamentaria lamentou que a portavoz do Partido popular Isabel Romero anunciara o voto en contra á iniciativa nacionalista afirmando que as adxudicatarias están obrigadas a cumprir as condicións do concurso, circunstancia que na quenda de réplica a deputada do BNG negou poñendo de manifesto as denuncias formuladas polos propios traballadores e traballadoras.