O BNG denuncia o desleixo da Xunta co Monte Pindo tras o incendio do ano pasado
Ana Pontón lamentou que a Xunta careza dun plan de recuperación dos espazos arrasados no Pindo e suxire ao director xeral de Montes que visite a zona e constate que o eucalipto está substituíndo á vexetación autóctona
A deputada do BNG, Ana Pontón, denunciou hoxe a través dunha pregunta no Parlamento de Galiza o desleixo e abandono da Xunta co Monte Pindo.
Na súa intervención, a deputada afirmou que un ano despois do incendio, as promesas da Xunta e do PP caeron en saco roto e lamentou que o Director Xeral de Montes, cargara toda a responsabilidade do acontecido no vento do nordés, obviando a responsabilidade da Xunta por non actuar nun espazo que xestiona directamente e que está integrado na Rede Natura 2000.
Tras a resposta do membro do Goberno, Pontón recalcou que non é de recibo que se impedira a acción de voluntarios e a Xunta recoñeza que nin fixo nada, nin teña previsto ningunha actuación.
A parlamentaria demandou da Xunta que abandone o escurantismo nas contas da xestión do monte e volveu denunciar a falta de compromisos para a recuperación e rexeneración dun espazo relevante e singular desde o punto de vista ambiental, cultural e simbólico. Ademais, fíxose eco da denuncia da asociación Monte Pindo Parque Natural, sobre a substitución da vexetación autóctona polo eucalipto que tamén ameaza o hábitat do carballo anano.
Dende o BNG, dixo, lamentamos que sobre esta cuestión, a Xunta responda que non sabe nada sobre este asunto e mesmo negue a existencia de eucaliptos . A nacionalista considerou que era incríbel que o eucalipto fora invisíbel para a Xunta e convidou ao director xeral a visitar o concello de Carnota.
Finalmente o BNG reclamou de novo que a Xunta elabore e aplique un Plan Urxente de restauración medioambiental do Monte Pindo, contando coa participación veciñal e asociativa, dotado economicamente coa finalidade de recuperar e rexenerar as zonas afectadas polo lume. Unha medida básica, afirmou, para retomar nun futuro próximo a declaración de Monte Pindo como Parque Natural, como unha peza importante no desenvolvemento e creación de riqueza neste concello.