O BNG denuncia “complicidade” da Xunta na venda da colección artística da antiga Caixa Galicia

A deputada do BNG, Ana Pontón acusa ao Secretario xeral de Cultura de responder “con obviedades” sobre a verdadeira situación da colección artística e denuncia impedimentos para acceder ao expediente BIC

Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao Goberno na comisión de Cultura sobre a actual situación do patrimonio artístico das extintas Caixas de Aforros. Tras a resposta do Secretario xeral de Cultura, que esquivou a pregunta da parlamentaria, Pontón denunciou “a complicidade da Xunta” na venda da colección de arte.

A parlamentaria advertiu que colección pode ser vendida xunto coa totalidade dos activos de Novagalicia Banco o que está a demostrar a “insuficiente actuación” do Goberno para que a venda se produza nestas condicións.

Despois de amosar a súa sorpresa ante a presenza do Secretario Xeral de Cultura para responder á pregunta do BNG, en troques da Directora xeral de Patrimonio, tamén presente na comisión, a nacionalista reiterou a súa pregunta ante a negativa de Anxo.M Lourenzo a responder na primeira quenda.

Pola súa parte, o responsábel de Cultura coincidiu coa nacionalista en priorizar a protección do conxunto de pezas e fomentar a súa accesibilidade, de aí, dixo, a necesidade da declaración de Ben de Interese Cultural. Neste sentido, Pontón explicou que tras un mes tentando acceder ao expediente BIC da colección, a día de hoxe foi imposible poder consultalo a pesar de ter rexistrado a petición para ser remitido á Cámara a través do artigo nove e ter solicitado reiteradamente unha cita.

Eu non sei o que lle preocupa a vostede, preguntou a deputada, pero o Presidente da Xunta na “durminte comisión de investigación das caixas” ignoraba a quen pertencían nin en que situación se atopaba a colección.

A súa resposta de hoxe, engadiu, é unha mostra máis de como o Goberno galego “non actúa no relevante” e non aclara a que información sobre a venda da colección artística da antiga Caixa de Galicia, vai ser vendida a un banco privado ou a un fondo de inversións estranxeiro volveu preguntar.

Para a deputada, a declaración BIC da colección non impide a súa venda nin que saía de Galiza, extremo que tampouco foi respondido polo Secretario xeral de Cultura.

O BIC, non impide que a colección fique fora de Galiza se finalmente é vendida co resto dos activos do Banco, porque, dixo Pontón, a Xunta permitiu que formara parte do banco como un activo financeiro cando é parte do noso patrimonio cultural, concluíu.