O BNG denfende no Parlamento eliminar as "Touradas en Galiza"
Os deputados do BNG, Ana Pontón e Cosme Pombo participarán o vindeiro domingo na manifestación convocada pola plataforma Sarria libre de Touradas en apoio a protección dos animais e erradicación de prácticas cruentas
Santiago de Compostela, 18 de xuño, 2013. Os deputados do BNG, Ana Pontón e Cosme Pombo mantiveron hoxe un encontro, en sede parlamentar, coa plataforma Sarria Libre de Touradas á que lle fixeron entrega da proposta nacionalista destinada a modificar a lei para prohibir as corridas de touros e espectáculos que inclúan a morte do animal co aplicación das sortes de pica, banderillas e estoque, Proposición non de lei que o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria na Cámara galega.
A parlamentaria do BNG denunciou a celebración dunha corrida de touros financiada con cartos públicos e anunciou o apoio á mobilización prevista en Sarria o vindeiro domingo coincidindo coa celebración das touradas. Pontón afirmou que as touradas non son cultura e só podemos cualificalas, dixo, de barbaridade.
Asemade, engadiu, non teñen nada que ver coa cultura galega e dende o BNG seguiremos traballando ata que consigamos ter unha Galiza libre de touradas.
Pola súa parte, a representante da plataforma Sarria libre sen touradas condenou o gasto público realizado polo concello o ano pasado, 50 mil euros aos que se sumaron 8.000 euros máis de perdas, na celebración dunha tourada coincidindo coa festividade de San Xoán, tourada que se organizará tamén este vindeiro día 23 de xuño e nesta ocasión, acompañada dunha feira andaluza e concurso de traxe sevillano.
En opinión da representante da plataforma, os fondos públicos destinados a este espectáculo taurino terían mellor destino se foran empregados en servizos sociais, dada a circunstancia de crise económica que padecen os sarriáns e sarriás, concluíu.