O BNG demanda para MINURSO capacidade para verificar o cumprimento dos dereitos humanos no Sáhara
Ante a recente resolución da ONU sobre o Sáhara Occidental, en que o organismo internacional decide non incluír entre as funcións da MINURSO a vixilancia do respecto dos dereitos humanos por parte de Marrocos, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta publicamente, máis unha vez, o apoio á causa saharauí e, neste contexto, o rexeitamento da violencia exercida polo goberno marroquí contra a poboación dos territorios ocupados.
O BNG entende que non é xustificábel que, cando todos os días se están a producir violacións dos dereitos humanos no Sáhara Occidental, como puido constatar a delegación do Intergrupo do parlamento da Galiza que recentemente visitou os territorios ocupados-, as Nacións Unidas se inhiban neste asunto e permitan a Marrocos actuar impunemente contra a poboación civil e explotar en beneficio propio os recursos naturais que pertencen ao pobo saharauí.
Rexeitamos tamén a posición do Goberno español que, desde hai preto de 40 anos está a ser cómplice da ocupación marroquí en lugar de contribuír mesmo por deber inherente á condición de antiga potencia colonial e por reparación do incumprimento do deber de descolonizar o territorio- para a resolución definitiva do conflito.
O BNG reafirma, por tanto, o apoio á Fronte POLISARIO e urxe ao goberno español e as Nacións Unidas a actuar para verificar a autodeterminación do Sáhara Occidental e para garantir o dereito do pobo saharauí a vivir en paz nun Sáhara libre e independente.