O BNG defende reformar o Regulamento da Cámara galega para dotala de maior democracia
Tereixa Paz propuxo o voto polo sistema telemático e subsidiariamente en delegación no caso de imposibilidade física das mulleres embarazadas.
O Bloque Nacionalista Galego abstívose na votación da Proposición de lei do Partido popular para reformar o regulamento da Cámara e reclamou reformas de máis calado, que non se limiten só á regulación do voto en casos de maternidade.
Na súa intervención, a deputada nacionalista Tereixa Paz propuxo unha transacción ao fin de facilitar o voto telemático como método para facilitar a participación nos debates nos casos de baixas por maternidade e paternidade dos e das parlamentarias.
Voto telemático para as deputadas embarazadas con imposibilidade física para a función política
Discurso contraditorio do PP
Por outra parte, paz criticou que mentres no Parlamento galego o PP defende esta Proposición de lei para acadar a igualdade de mulleres e homes no exercicio da función parlamentar, Ruíz Gallardón lévanos ao ano 1985 ao privarnos do dereito do aborto pola malformación de feto e hoxe, engadiu, resulta case obsceno debater esta iniciativa cando o Presidente do Parlamento valenciano acaba de afirmar, que as mulleres deben ser obrigadas a ver a ecografía antes de permitirlles abortar.
O PP quer obrigar as mulleres a mirar a ecografía antes de permitirlles abortar
Democratizar o Parlamento
Asemade, a deputada do BNG defendeu a necesidade de introducir unha maior democratización do Parlamento, de tal xeito que todos os grupos sexan iguais á hora de poder tramitar todo tipo de iniciativas e teñan maior capacidade para facer seguimento dos acordos adoptados na Cámara.
Non sei ata que punto debemos seguir coa modificación do regulamento do Parlamento, dixo, cando en realidade o Partido popular segue cuestionando a representatividade democrática desta institución, ironizou.
Para a nacionalista, ao Partido popular non lle saen as contas e pretende recortar o Parlamento para seguir manténdose no poder a través dun verdadeiro pucheirazo como cualificou o BNG, manifestou.
Igualdade real
Tereixa Paz lembrou que na lexislatura pasada o BNG presentou unha proposta para regular o Parlamento neste sentido pola que foi constituída unha ponencia dos tres grupos parlamentarios e que non foi retomada na presente lexislatura.
Para o Partido popular, dixo, o consenso consiste e que os demais se aveñan á súa postura e de non ser así impide calquera posibilidade de acordo,neste sentido, a nacionalista negou que foron aceptadas sete emendas do BNG como con anterioridade afirmara a portavoz do PP Marta Rodriguez Arias.
Finalmente, a parlamentaria reiterou que a falta de prazos para poñer en marcha o voto telemático procura, en realidade, instituír o voto por delegación dun ou dunha compañeira de grupo parlamentar.