O BNG defende unha posición común na FEGAMP contra a reforma local
Anuncia unha campaña para explicar os recortes que a reforma impón na prestación dos servizos que os concellos prestan á cidadanía
A formación nacionalista denuncia que o texto da reforma que actualmente tramita o Congreso representa, de facto, unha intervención das competencias dos concellos e terá como principal consecuencia un recorte dos servizos básicos que os municipios galegos prestan á cidadanía en áreas clave como a social ou a sanitaria.
Supón un baleirado das competencias dos concellos, porque recorta directamente a nosa capacidade para prestar servizos á veciñanza, en ámbitos de tanta transcendencia en termos de igualdade e benestar coma os servizos sociais e sanitarios, e noutros como o deportivo e culturais, explicou Francisco García, alcalde de Allariz e representante do BNG na Executiva da FEGAMP.
A reforma supón no só un recorte, senón tamén a apertura dun camiño cara a privatización de servizos que a día de hoxe prestan os concellos. A isto hai que engadir que o proxecto de lei reforza o papel das deputacións, ás que se lles outorga capacidade para interferir e fiscalizar as competencias municipais, a pesar de seren entidades que non son elixidas pola cidadanía.
O BNG reitera a necesidade de ter un marco local galego acaido a realidade do país, cunha financiación que teña en conta as particularidades dos concellos galegos e garanta recursos para prestar os servizos a cidadanía.
Campaña informativa
Dada a transcendencia da reforma local que quere impor o PP, o BNG iniciará unha campaña informativa para que a sociedade galega teña claro coñecemento das consecuencias que terá na súa vida cotiá.