O BNG defende na Cámara galega o dereito de Palestina a vivir na súa terra e en Paz
A deputada defendeu unha Proposición non de lei, que o PP rexeitou, na que pedía instar ao Goberno español a esixir do Goberno Hebreo, un alto o fogo satisfactorio e rotundidade a U.E e ONU para que Israel respecte o Dereito Internacional e o dereito de Palestina a vivir na súa terra e en liberdade.
Pleno.-A deputada do BNG, Montse Prado lembrou hoxe no Parlamento galego o ataque indiscriminado e xenocida de Israel contra Palestina nos territorios da franxa de Gaza.
Na defensa da Proposición non de lei nacionalista, a deputada aludiu á colonización do Reino Unido e Francia e dende o ano 48, ao Estado de Israel que vulnerou o acordo para a constitución de dous estados soberanos con territorio propio. Na actualidade, dixo, o obxectivo político de Israel é acadar un Estado xudeu para o que é preciso erradicar a poboación palestina baixo o lema Unha terra sen xente para unha xente sen terra iniciando para este cometido todo tipo de masacres e apartheid.
Israel, engadiu, sempre se aliou coas grandes potencias mundiais para consolidar a súa posición sen respectar o Dereito Internacional nin os dereitos humanitarios porque todo o fundamenta na súa seguridade nacional esgrimindo que é o pobo elixido. Estamos, manifestou ante a imposibilidade de Palestina de vivir como pobo libre e soberano na súa terra, os palestinos en Cirsjordania viven ocupados e en Gaza nun campo de concentración e exterminio.
As resolucións internacionais declaran inxustas e ilexítimas as accións de Israel contra Palestina e a persecución dos xudeus na segunda Guerra Mundial non lle da dereito a convertese en colonialistas, verdugos e imperialistas nin nun Estado terrorista con tropas de ocupación e negación dos dereitos de Palestina.
O BNG condena a agresión de Israel contra o pobo palestiniano e a criminal ofensiva militar contra a franxa de Gaza con máis de 2.127 mortos palestinos e palestinas dos que máis de 600 son nenos e nenas polo que pedimos que o Parlamento galego non se limite a ser mero espectador e demande do Goberno español esixir ao Goberno Hebreo o inmediato cese dos bombardeos e un alto o fogo satisfactorio así como rotundidade a Unión Europea e Nacións Unidas para que Israel respecte o Dereito Internacional e o dereito de Palestina a vivir na súa terra e en liberdade.