O BNG defende actualizar a Lei de Normalización Lingüística tras 30 anos de vida

Xuntanza do BNG coa Mesa pola Normalización Lingüística

A deputada Ana Pontón traslada á Mesa pola Normalización Lingüística a Proposición de lei de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega do BNG

A deputada do BNG, Ana Pontón mantivo hoxe unha xuntanza co Presidente da Mesa pola Normalización lingüística, Carlos Callón ao fin de valorar “trinta anos da aplicación da lei de Normalización Lingüística”.

Ana Pontón, tras entregar ao Presidente da Mesa a Proposición de lei que defenderá o BNG no Parlamento galego sobre a normalización de usos sociais e públicos da lingua galega, manifestou que os poderes públicos galegos deben ser garantes do desenvolvemento e aplicación da normativa e aínda que o idioma é cousa de todos e todas, destacou o importante papel dos poderes públicos nesta materia.

Neste sentido, a proposición de lei do BNG concede á Xunta de Galiza un rol director no cumprimento dos usos sociais e públicos da lingua galega que establece unha meta e un proceso con mecanismos de “avaliación periódica que observen o seu cumprimento e vixíen a súa eficacia”.

Para a nacionalista, a Proposición de lei do BNG evidencia que “tres décadas de vixencia da lei de Normalización Lingüística aconsellan a súa revisión e actualización”.

O vindeiro sábado, día 15 de xuño cúmprense trinta anos da primeira lexislación derivada das prescricións estatutarias de normalización lingüística, Lei 3/1983 seguida da lei 5/1988 do uso do galego como “lingua oficial de Galiza polas entidades locais”.

A modificación da lei que propón o BNG, dixo, suporá un paso “relevante” no desenvolvemento do proceso normalizador “esquecido e vulnerado polo actual Goberno da Xunta de Galiza”.