O BNG cualifica de corrosivos cos máis débiles os orzamentos defendidos por Rueda
Tereixa Paz acusou ao Vicepresidente, Alfonso Rueda de ser todo un experto en disfrazar o mito da austeridade a través de propaganda.
A portavoz de Xustiza do BNG, Tereixa Paz acusou hoxe á Xunta de Galiza de defender uns orzamentos corrosivos para os máis débiles en alusión aos recortes para políticas de emprego, socias, igualdade e Xustiza.
Trala comparecencia do Vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda na Comisión de Economía, a nacionalista asegurou que, 92 de cada 100 euros serán empregados en gasto corrente da propia administración polo que os recortes en investimento destinado á cidadanía, increméntanse de maneira considerable.
Delegacións provinciais prescindíbeis
Ao fin de reducir custes innecesarios, a nacionalista suxeriu ao Vicepresidente da Xunta eliminar os cargos de delegados provinciais que, ao seu xuízo, só exercen como comisarios políticos e representan 10 millóns de euros.
Asemade, engadiu que o Goberno galego mesmo pode ter problemas co delegado provincial de Ourense, Rogelio Martínez que será proximamente xulgado por malversación de Fondos europeos
Para a deputada do BNG, unha vez máis, a Xunta defende unhas contas contrarias ao discurso de austeridade do Goberno dirixido por Núñez Feijoo porque cos orzamentos para 2013, dixo, confirman vostedes que son incapaces de facer máis con menos como reza na súa constante publicidade.
A parlamentaria do BNG afirmou que son uns orzamentos sen alma, corazón e política que inciden nos recortes en bolsa de cooperación exterior e programas básicos de promoción efectiva da igualdade.
Paz tamén criticou a falta de recursos para a policía autonómica, ausencia de iniciativas destinadas a conseguir novas transferencias, privatización e polo tanto, liquidación so servizo de emerxencias e a externalización de servizos públicos.
O PP prioriza a economía fronte as persoas
A parlamentaria considerou que o Partido popular prioriza os criterios economicistas fronte ás persoas, abandonan as persoas máis vulnerábeis ao eliminar o programa de cooperación e desenvolvemento desaparecen máis de 139.000 euros para bolsas de cooperación.
Paz reiterou que os orzamentos do 2013 incrementan o gasto público e reducen o gasto en política social e cualificou de mentira que na actualidade exista menos endebedamento público xa que Galiza ocupa o sexto lugar en débeda viva, e dicir, explicou, a débeda do noso país cando vostedes chegaron ao goberno situábase no 6, 8 % do do Produto Interior Bruto e agora é do 15,9% sen contar cos 3.000 millóns de euros contraídos a través dos contratos de colaboración público privada que estenderían ao 18% o PIB a débeda galega, nestes orzamentos, concluíu só hai recortes e dureza contra aqueles que máis sofren.