O BNG critica que o Goberno ameaze con ilegalizar FACUA por criticar os recortes
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, ven de rexistrar unha iniciativa na que lle demanda explicacións ao Ministerio de Sanidade polas súas ameazas de ilegalizar a organización de consumidores FACUA polo feito de criticar as medidas do Goberno contra as maiorías sociais.
FACUA-Consumidores en Acción ven de denunciar que recibiu un escrito da secretaria xeral de Sanidade e Consumo, asinado pola ex-conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, na que ameaza con dar de baixa do Rexistro Estatal de Asociacións de Consumidores se non retira da súa web as campañas da organización de consumidores contra os recortes do Goberno en sanidade e educación, xa que entende o goberno que FACUA extralimitouse nas súas funcións.
A deputada do BNG denuncia a actuación do Goberno pois dende o noso punto de vista, esta asociación, como calquera outra de consumidores, nace co obxectivo de defender os dereitos dos consumidores e están obrigadas a denunciar todas aquelas cuestións que atentan contra os seus intereses.
O Goberno do PP persegue ás organizacións críticas ca súa actuación
Ante esta situación, Olaia Fernández Davila pregúntalle ao Goberno como define logo os efectos que estes recortes terán na cidadanía, e polo tanto nos consumidores.
Acaso considera o Goberno que estas asociacións non deben manter posicións críticas co Goberno?, pregunta a deputada nacionalista.
Fará o mesmo coas organizacións que defenden aos afectados polas preferentes?
No mesmo sentido, a parlamentaria do BNG pregunta se considera o Goberno que as asociacións creadas para defender os intereses dos afectados polas participacións preferentes tamén se extralimitaron nas súas funcións? Daquela, quen os defendería?.
Conclúe Olaia Fernández Davila preguntándolle ao executivo de Mariano Rajoy se acaso considera que os cidadáns e cidadás non deben criticar as súas actuacións e decisións políticas.