O BNG consigue iniciar xestións para retirar as concertinas de Guitiríz
O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu unha Proposición non de lei, aprobada por unanimidade, pola cal a Xunta instará ao Ministerio de Defensa a negociar cos veciños do campamento militar de Parga as condicións do monte e retirada de concertinas
Pleno.- O deputado do BNG, Cosme Pombo censurou a instalación das concertinas e uso do campamento militar de Parga en Guitiriz polo que trasladou ao Parlamento, a modo de Proposición non de lei, as demandas dos veciños e veciñas que reclaman a retirada dos arames de picos e coitelas e negociar as condicións de uso do campamento militar.
Pombo dixo que non fai falta visitar Ceuta ou Melilla para atoparnos coas concertinas da vergoña. Están moi perto de nós, no monte veciñal en man común de Parga (Guitiríz) instaladas ao longo deste ano e percorren varios quilómetros á beira de camiños, casas e propiedades representando un serio perigo para as persoas, animais domésticos e fauna salvaxe.
Este ano,explicou, o Exercito español nun alarde de prepotencia caduca e retrograda, decide intensificar os labores de tiro no recinto co aumento de potencia nos explosivos que provocan graves molestias no vencindario e animais polo que solicitou rebaixar a potencia do tiro e respectar o dereito dos veciños e veciñas a vivir na súa terra e do seu traballo.
Tras a intervención do deputado popular, Agustín Baamonde que anunciou o voto favorable á iniciativa nacionalista, o parlamentario do BNG agradeceu o apoio do resto dos grupos aceptando, a maiores, a emenda presentada por AGE por coincidir na retirada das concertinas e no cambio de usos do campamento militar. Para acadar o apoio unánime, dixo, estou disposto a manter a iniciativa do BNG de maneira literal e engadir os dous puntos da emenda cunha votación por puntos porque os veciños reclaman a retirada das concertinas e consideran o monte propiedade veciñal, aínda que eles historicamente non o cederan, foi cedido polo concello no ano 1944 pero tod@s sabemos, remarcou, que monte o veciñal é inembargable e inalienable.